Luns, 13 Xaneiro de 2025

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e a Coral Cantares únense para celebrar Santa Icía

Este sábado 26 de novembro, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo celebra o seu habitual concerto anual en homenaxe a Santa Icía, patroa da música. Este ano o acto será aínda máis especial, posto que a Banda estará acompañada por primeira vez pola Coral Cantares de Xinzo.

A diferenza do ano pasado, nesta ocasión o concerto de Santa Icía celebrarase no auditorio do Centro Cultural de Xinzo ás 19:00h. Como é habitual, nesta data presentaranse aos integrantes da banda. Ademais, leste será o primeiro concerto de Santa Icía dirixido polo novo director da agrupación musical, Rodrigo Iglesias. “Para min é unha honra traballar con estes músicos e todos afrontamos este concerto con moita ilusión e motivación para presentar todo o traballo destes meses”, asegura o director da banda sobre un concerto que “sen dúbida, é un dos máis especiais do ano”.

Pola súa parte, Beatriz Gómez Fandiño, a directora da coral Cantares, móstrase agradecida pola oportunidade de participar no concerto: “Desde a Coral estamos moi contentos e emocionados de poder compartir coa banda a celebración dun día tan importante para os músicos como Santa Icía. Pasar a formar parte desta tradición é toda unha honra”.

O concerto dividirase en dúas partes. Na primeira, actuará a Coral, cuxo repertorio se compón de cancións tan emblemáticas como a versión cantada do poema de Álvaro Cunqueiro Quen poidera namorala, musicalizado por Luis Emilio Batallán, ou a canción de Mecano Hijo de la Luna. E na segunda parte será a quenda da Banda de Música, que interpretará pezas de Reveriano Soutullo, Jacob de Haan e Fernando Boente.

Ao termo do concerto, terá lugar a tradicional cea de Santa Icía no Hotel Balneario de Mondariz tanto para os músicos como para os coristas e aquelas persoas que se inscribiran para acudir.