10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA alcaldesa de Ponteareas reúnese coa Xunta para solicitar investimentos nas instalacións...

    A alcaldesa de Ponteareas reúnese coa Xunta para solicitar investimentos nas instalacións educativas

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, reuniuse nos pasados días co xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Pérez Ares, para abordar a situación na que se atopan os centros educativos de infantil e primaria da vila, unhas instalacións sobre as que ten competencia a Xunta e nas que a administración galega non realizou ningún investimento de relevancia na última década.

    “Dende o Goberno municipal levamos case oito anos facendo importantes investimentos no mantemento dos centros escolares, unhas melloras que non se aprecian porque dende a Xunta non se encargan de acometer os importantes arranxos de base que necesitan, xa que moitas das instalación son moi antigas”, sinalou a rexedora. Cristina Fernández afondou nesta reunión con Pérez Ares nas necesidades dos colexios de Ponteareas, tendo en conta que o Concello só ten competencia en pequenas reparacións de mantemento nos centros de educación infantil e primaria.

    O Concello destinou o ano pasado máis de 700.000 euros nos centros escolares da vila entre persoal, limpeza, mantemento e reparacións, “un investimento moi salientable tendo en conta que a Xunta, a administración que ten a competencia plena, apenas realizou obras de mellora nestas instalacións”.

    Fernández Davila lamentou que “a Xunta marxine á comunidade educativa de Ponteareas mentres noutros municipios inviste millóns de euros en reformas integrais para a eficiencia enerxética”. Como exemplo disto, a alcaldesa sinalou que “en Ponteareas temos que ver colexios como o Nosa Sra dos Remedios, construído hai máis de 50 anos, no que a Xunta só abordou a cuberta do patio en vez de acometer unha actuación completa en toda a instalación”. 

    É precisamente a eficiencia enerxética unha das principais reclamacións da alcaldesa, “xa que as actuacións levadas a cabo ata o de agora tanto no Bouza Brey como no  Nosa Señora dos Remedios son insuficientes. É urxente acometer obras de reforma integral e de mellora da eficiencia enerxética en todos aqueles centros ponteareáns que teñen máis de 50 anos, que son todos agás o CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell e o IES do Barral, xa que isto suporá unha mellora da instalación, un aumento do benestar de usuarios e docentes e un importante aforro no consumo do edificio”. A pesar do compromiso acadado durante o encontro por parte de Educación de facer fronte a estas necesidades, a rexedora lamenta “que non se propoñan levar a cabo ningunha actuación nestes colexios ata que no 2024 rematen as que teñen agora en marcha noutros municipios”.

    Cristina Fernández achegou unha vez máis ao xefe territorial as principais demandas dos centros escolares da vila, facendo especial fincapé na situación na que se atopan as escolas unitarias do Colexio Rural Agrupado A Picaraña, con importantes deficiencias nos tellados. Cabe lembrar que Concello conseguiu 200.000 euros de fondos externos para asumir o 75% da mellora da eficiencia enerxética das escolas de Pías, Areas, Ribadetea, Xinzo-Parada e Moreira que non se puideron executar por culpa da Xunta, xa que nin permitiu que puidera levalas a cabo o Concello nin quixo cofinancialas aportando o 25% restante, o que supoñía un custo de menos de 70.000 euros

    O xefe provincial comprometeuse a que un equipo técnico visitará estas unitarias para valorar o estado dos tellados e asumir o cambio de calefacción eléctrica á de pellets. Ademais, a alcaldesa exhortou a Educación a que analice a posibilidade técnica de construír unha instalación que funcione como ximnasio e doutras necesidades nunha parcela anexa ao CEIP de Guláns, para que así o Concello poida levar adiante canto antes a segregación da parcela para a súa posta a disposición da Xunta.

    Como expuxo Fernández Davila, tamén se precisan reformas, entre outros, nos colexios de Santiago de Oliveira ou Feliciano Barrera, que non teñen ximnasio, comedor escolar nin salón de actos, ou a demanda da cuberta para o patio no aulario de infantil do Mestre Ramiro Sabell. Por outra banda, tras o encontro o Concello conseguiu o compromiso de Educación para solucionar a situación na que se atopa o Fermín Bouza Brey no relativo ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista, con nove matriculados e matriculadas e cun informe favorable que permitiría á Xunta reforzar o persoal do departamento de Orientación deste centro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.