18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Concello do Rosal aproba este xoves os orzamentos máis altos da...

    O Concello do Rosal aproba este xoves os orzamentos máis altos da súa historia

    O Concello do Rosal será un dos primeiros municipios galegos e o primeiro da comarca do Baixo Miño en aprobar as súas contas para o vindeiro ano, que con case 6,4 millóns de euros supoñen os orzamentos máis altos da historia do municipio. “Levamos case catro anos camiñando nunha liña ascendente, pero agora demos un paso moi importante porque crecemos nun 33% con respecto ao 2021 grazas á capacidade de xestión do Goberno municipal na captación de fondos europeos que posibilitan novos e moi necesarios investimentos no noso concello”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

    O pleno ratificará este xoves 24 de novembro (20.30 horas, salón de plenos) uns orzamentos para 2023 no que terán gran peso a renovación do alumeado público e a mellora progresiva das escolas unitarias, “accións coas que camiñamos cara a sostibilidade e a redución do consumo froito da auditoría enerxética realizada en 2019, un estudo que non só nos permitirá chegar a un aforro enerxético e acabar coa obsolescencia das instalacións municipais, senón co que imos mellorando a realidade de xeito transversal, algo de vital importancia nun panorama de crise enerxética como o actual”.

    Deste xeito, chegouse a un investimento de 1,2 millóns de euros na renovación de toda a rede do alumeado público financiados a través dos fondos Next Generation. Tamén a través de fondos europeos, neste caso ao abeiro do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) financiarase a reforma integral da escola unitaria de Tabagón, preto de 600.000 euros cos que “continuar apostando pola educación de proximidade e a reforma e mantemento de edificacións cun gran valor patrimonial”. Tras a reforma e o acordo coa comunidade educativa, esta escola converterase na sede do CRA.

    Son uns orzamentos moi próximos á realidade que recollen as necesidades actuais, cun aumento de gasto corrente tanto en termos de enerxía como de materiais e que incorpora as achegas do Plan Concellos da Deputación, cos que continuar a mellora estratéxica e progresiva dos camiños do municipio. O Goberno municipal segue apostando ademais con estes orzamentos pola actividade cultural nos barrios, con novas partidas destinadas a darlle un maior peso ao Rosal Cámara Fest e á Feira de produtos, que celebrou este ano a súa primeira edición.

    Por outro lado, incorpórase nas contas un incremento no apartado de servizo de axuda no fogar para mellorar o servizo para o que xa se está a traballar na licitación que sairá en breve e mantense o apoio ao tecido asociativo, tanto no ámbito cultural, social e deportivo como no relativo ás traídas de augas, coas que se colabora cada ano.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.