12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasMáis de 200 obras de Castelao para ver a evolución deste artista...

    Máis de 200 obras de Castelao para ver a evolución deste artista referente na ilustración gráfica no século XX

    A evolución da obra artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao chega a Ponteareas. O museo municipal acolle dende o vindeiro 25 de novembro ata o 30 de decembro a exposición ‘Castelao. Grafista’, unha mostra que reúne unha rigorosa selección de máis de 200 obras do artista rianxeiro que amosan o seu progresivo compromiso ético, social e político, pero tamén a evolución estilística e teórica que o levaron a converterse en referencia na historia da ilustración gráfica da primeira metade do século XX.

    “É un orgullo ter en Ponteareas unha exposición coa obra “dun dos máis importantes intelectuais galegos da nosa historia, un verdadeiro humanista, un referente de loita, amor e traballo polo noso país en cada unha das súas facetas: como caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo e mesmo político”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

    A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum ‘Cousas da vida’ de Castelao, ademais de tres retratos fotográficos, catro caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. O público poderá tamén gozar na exposición do texto orixinal do álbum ‘Nós’ e contemplar dous manuscritos do escritor, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, tres páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e tres debuxos.

    O Concello de Ponteareas colabora con este proxecto expositivo organizado pola Afundación Obras Social ABANCA, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia, unha ambiciosa mostra itinerante que busca dar a coñecer e difundir a obra e o pensamento de Castelao nos cinco continentes.

    A exposición forma parte de ‘Cultura por alimentos’, unha iniciativa de Afundación a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos. Por este motivo, o acceso ao público será a cambio da entrega dalgún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos. A mostra poderá visitarse de luns a venres de 09.00 a 21.00 horas e sábados de 10.30 a 13.30 horas. A inauguración será o propio venres 25 de novembro ás 09.30 h.

    Groba convida a toda a veciñanza a achegarse ata o museo municipal “para mergullarse nesta coidada mostra artística que recolle as diferentes técnicas e linguaxes empregadas por Castelao nos máis diversos formatos que o artista rianxeiro empregou durante toda a súa vida”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.