4 C
Pontevedra
Domingo, 4 de Decembro de 2022
Máis
    HomeÉ NoticiaImponente segunda charla sobre a casa das clarisas

    Imponente segunda charla sobre a casa das clarisas

    “En Santa Clara consérvase moito do convento medieval. Máis do que pensabamos e iso non é habitual en Galicia”. Esa foi unha das principais conclusións que expuxo o especialista Victoriano Nodar, responsable da arqueoloxía da arquitectura no estudo feito sobre o convento de Santa Clara, nunha das charlas organizadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra para conmemorar o aniversario da súa compra.

    O doutor comezou explicando que a arqueoloxía da arquitectura foi a que permitiu ler e analizar nos muros das edificacións de Santa Clara as evolucións das construcións ao longo do tempo, utilizando para iso diferentes formas de datación: os elementos estilísticos, os tipos de construción de muros, o cruce con datos documentais e históricos, e tamén as análises técnicas con termoluminiscencia ou carbono 14, que nestes momentos se están a utilizar nos morteiros dos muros.

    Posteriormente, e en base aos achados, Nodar presentou unha hipótese da evolución das diferentes etapas no convento. Segundo dixo, xa dende o primeiro momento, cunha simple ollada, a impresión da equipa investigadora foi que “había un mosteiro cun proxecto ambicioso, moi austero como eran as clarisas e feito con moitas fases, pouco a pouco”. A parte medieval, destacou, é quizais a de maior interese e moi singular porque se dá en poucos lugares: a maior parte dos mosteiros e conventos do país renovaron completamente os seus edificios conventuais nos séculos XVI, XVII e XVIII.

    “Temos poucas testemuñas de edificacións medievais de claustro en Galicia. Aquí si temos. Moitas das igrexas que hai no rural galego orixinariamente eran de mosteiros,  mais os mosteiros non están porque se desamortizaron ou porque os monxes marcharon, porque estaban feitos de cachotería e ao mellor se arruinaron e so quedou a igrexa, ou non se conservan ou se conservan pouco, ou están moi modificados ou espoliados. Aquí tiñamos un convento bastante potente. Por iso estamos a estudar as subfases dentro do medieval, os séculos XIV e XV”, destacou.

    Nodar explicou que na primeira subfase do medievo no convento había un núcleo, no que se dubida de que ata existise a igrexa actual -que se fixo a continuación-, xunto cun primeiro claustro que non é o que se mantén, e outros edificios que se seguiron completando. Do mosteiro medieval púidose recoñecer a zona de refectorio, a porta de arco apuntado -por onde se entra agora como portería- como a sala capitular das monxas, e incluso se identificou algunha capela na mesma panda, probablemente funeraria.

    Posteriormente, no XVI o que fixeron as monxas, dixo Nodar, foi un ‘aggiornamento’, un acondicionamento ou actualización porque cambiara o estilo, modificando esteticamente as estancias, pero aproveitando os mesmos pavillóns medievais dándolle un “aire máis moderno”, con fiestras máis anchas, arcos máis grandes e incluso pinturas. No XVII, subliñou, as monxas fixeron algunhas intervencións no conxunto do convento, mais xa hai constancia de que desapareceron parte dos edificios medievais, reparándose o que quedaba.

    O XVIII é outro gran momento: constrúese o edificio grande da parte oeste onde están as actuais celas. O investigador subliñou que non se trata dunha ampliación, porque se trata dun proxecto buscado nun momento no que a comunidade non estaba medrando, de feito diminuíra o número de vocacións.

    Os motivos da obra foron outros: que se dispoñía dunha economía saneada e que estaban na Ilustración. “O que se busca son novas condicións de habitabilidade e hixiene que antes non eran tan importantes. Non tiran os pavillóns medievais –que ameazaban ruína-, reutilízanos como cortes ou adega, e elas van vivir ao novo edificio, que ten uns bos muros. Todas as celas teñen o seu lavadoiro para asearse, con ventilación cos batentes das ventás para evitar as pandemias…”, dixo Nodar, destacando que estas obras para mellorar as condicións de vida da comunidade volveron sen embargo quedar sen rematar porque ou ben non precisaban máis mellora ou rematou o momento da ‘economía saneada’.

    Finalmente, sobre as construcións feitas no século XX destacou que “foron un pouco desastre e agora hai que poñerlle remedio na restauración”.

    A semana próxima seguirá o ciclo de  charlas en Santa Clara. O 29 de novembro será a quenda de ‘Compoñendo puzzles’, unha charla a cargo da responsable dos traballos de conservación e restauración, Aldara Rico, que fará un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.

    O xoves 1 de decembro será a quenda para falar dende o punto de vista antropolóxico. Baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, a doutora Olalla López e Clara Veiga falarán sobre as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento.

    COLABORACIÓNS

    Alba Guzmán Falcón, «Xoaniña de Deus»

    Alba Guzmán era, ata o de agora, unha autora practicamente descoñecida para o gran público, a pesar de contar no seu haber cunha morea de premios en certames de poesía e tamén de narrativa.

    Henrique Dacosta, «O estraño caso da bicicleta amarela»

    Henrique Dacosta vén de entregar ao prelo unha nova proposta narrativa. E digo “narrativa” e non digo ben, pois este volume, «O estraño caso da bicicleta amarela», leva o clarificador subtítulo de «Oito contos e unha traxicomedia» e tal é o contido da obra: oito relatos breves de extensión variable e unha pequena peza teatral, a primeira da que teñamos constancia e da que falaremos máis adiante.

    Xavier Queipo, «Algoritmos»

    «Algoritmos» é un libro sorprendente, algo que, vindo de Xavier Queipo, xa deixou de ser unha novidade. Non estamos a falar dunha novela, nin sequera dunha colección de contos, senón de algo diferente.

    Visión a corto plazo

    Estos días, hablando con varios amigos sobre la situación global del mundo, pues caímos en la conclusión de algo que salta a la vista, pero que nos olvidamos continuamente, la falta de visión a largo plazo de nuestros políticos.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    73 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    40 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    5 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS