Mércores, 19 Marzo de 2025

O alcalde e a concelleira de Deportes da Guarda, felicitan públicamente ao Mecalia Atl. Guardés

Antonio Lomba, alcalde da Guarda e Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes, trasladaron os seus parabéns para o equipo, directivo técnico e xogadoras do ‘Mecalia Atl. Guardés’ tras conseguir o galardón de Mellor Equipo Feminino 2018, xunto co Burela Fútbol Sala Feminino, un premio que concede anualmente a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

De igual xeito dende o consistorio local quérese dar o parabén polo subcampionato de liga, a fase final da Copa e a participación na terceira rolda da EHF Cup Europea, “sen dúbida unhas competicións de moita importancia e resultados que se traducen do bo estado de forma deste clube, que leva o nome da Guarda alá onde compite”.

Montserrat Magallanes valorou positivamente o traballo realizado dende o clube “e o seu forte compromiso ao máis alto nivel de competición”. Quixo destacar a concelleira de Deportes o “enorme esforzo” que tamén supón para o Concello da Guarda ter un equipo como o Mecalia Atl. Guardés na vila, adiantando que o compromiso co club “será sempre o de apoiar en todo o que sexa posible”.

Antonio Lomba aproveitou esta ocasión para destacar a recente participación das xogadoras Marisol Carratú e Rosario Urban e do adestrador José Ignacio Prades no Mundial de Xapón, “o que amosa a importancia que ten o balonmano femenino na Guarda”, dando os parabéns por tan importante hito deportivo.