9.6 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA provincia de Pontevedra amosa o seu agradecemento ás e aos olímpicos....

    A provincia de Pontevedra amosa o seu agradecemento ás e aos olímpicos. “Sodes o mellor que temos na sociedade”

    Recepción da Deputación no Palacete das Mendoza que recibiu entre aplausos ás e aos nosos deportistas de elite nun recoñecemento cargado de emoción

    O Palacete das Mendoza engalanouse hoxe por todo o alto para amosar o agradecemento ás e aos deportistas da provincia de Pontevedra que participaron nos Xogos Olímpicos de Tokio. E foi precisamente esta palabra, gracias, a máis escoitada nos xardíns deste emblemático edificio. As e os olímpicos foron achegándose ao lugar no medio da expectación das e dos viandantes en Pontevedra, que viron como a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada do deputado de deportes, Gorka Gómez, recibíanos cheos de emoción.

    “Os aplausos son para elas e eles, sodes o mellor que ten esta sociedade”, deixou claro a presidenta da Deputación, cando Teresa Portela –prata en piragüismo–, Nico Rodríguez –bronce en vela–, Rodrigo Corrales, –bronce en balonmán–, Antía Jácome –diploma en piragüismo– e Támara Echegoyen –diploma en vela– se achegaron ao escenario situado no centro do xardín. Para Carmela Silva “esta provincia ten moitos elementos para presumir dela e exemplo disto é que temos ás e aos mellores deportistas. Somos unha gran referencia deportiva e creo que unha sociedade que queira construír un bo futuro para a súa xente ten que recoñecer ás e aos mellores dos seus”.

    Carmela Silva non se esqueceu de Rodrigo Germade –prata en piragüismo– que non puido asistir ao acto para poder conciliar a súa vida familiar, Iván Villar –prata en fútbol–, Nikolv Sherazadishvili –diploma en judo– nin do resto de deportistas da provincia que viaxaron ao país nipón: Tamara e Alberto Abalde, María Bernabeu, Francisco Garrigós e Javi Gómez Noya.

    As e os olímpicos da provincia, que asinaron no Libro de Honra da Deputación e recibiron un agasallo da institución, coincidiron en recoñecer o valor e o legado da traxectoria de Teresa Portela, unha deportista referente para todas e todos eles que se alegraron tanto ou máis do metal da piragüista de Cangas como dos seus propios. A propia Portela recalcou que a importancia non é só das medallas senón tamén da “cantidade de esforzo, de horas invertidas, de anos de sacrificio…” e deixou claro que “unhas veces conséguense e outras non pero o importante, os valores que queremos mostrar, é o traballo que hai detrás”. Nico Rodríguez agradeceu o poder xuntarse coas súas compañeiras e compañeiros “que ao fin e ao cabo son referentes” e fixo especial mención a Tamara Echegoyen “unha gran líder para o equipo de vela que nos axudou moito”.

    O gardameta da selección de balonmán, Rodrigo Corrales, puxo en alza o feito de que “na provincia de Pontevedra haxa tantos deportes, tantos grandes deportistas e tantos adestradores de base, o que permite que xente coma nós esteamos hoxe aquí”. Ademais, Corrales deixou claro que os e as deportistas de elite deben “seguir sendo inspiración da mocidade, apostar pola base, pola igualdade e a integración para que nos vindeiros anos sexan moitas máis persoas da provincia as que participen nos Xogos Olímpicos”. Antía Jácome amosouse feliz durante o acto xa que, como declarou, “eu acabo de empezar neste mundillo e é unha honra poder compartir isto con persoas que son un exemplo para min e para deportistas do mundo enteiro”. Tamén falou Támara Echegoyen, quen é consciente de que “o importante do deporte son os valores que transmite e educar con eles. O deporte máis que un resultado é un camiño e ás veces acádense os obxectivos e outras non, pero o tempo daranos a importancia do que fixo o deporte galego nestes Xogos Olímpicos”.

    Nestas olimpíadas, nas que Galicia enviou máis deportistas ca nunca, a provincia de Pontevedra tivo unha forte presenza e destacou pola súa exitosa participación ao conseguir cinco das sete medallas galegas (tres delas de prata e dúas de bronce) e tres diplomas olímpicos. Neste senso cobra especial importancia Cangas, un lugar ao que foron a parar catro dos metais olímpicos. Para lograr esta proeza a provincia enviou a Tokio a 12 deportistas, que viaxaron cargadas e cargados de ilusións e moitas horas de adestramento ás súas costas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.