Sábado, 8 Febreiro de 2025

A Coordinadora contra a casa de apostas de Redondela comeza a recollida de alegacións

O pasado 30 de outubro o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publicaba o anuncio de apertura do periodo de exposición pública do Expediente 4982/2019 de tramitación de licenza municipal para salón recreativo de xogo. Dende ese día, a Coordinadora contra a casa de apostas de Redondela tal e como viña anunciando, organizouse para estudar o expediente e elaborar escritos de alegacións para poñer a disposición da veciñanza.

Revisado o expediente, a Coordinadora sinala que “se detectou a carencia dun Acta de Inspección de data 6 de abril e que se menciona na resolución da Xunta de Galicia, dito acta resulta necesario para poder comprobar determinados extremos que serán parte do argumentario das alegacións”.

A Coordinadora presentou xa escrito no Concello de Redondela para que requiran da Xunta de Galicia esa documentación fundamental para o estudo en profundidade da tramitación por parte da administración autonómica.

Quedando á espera desa documentación requerida, a Coordinadora leva elaborados diferentes modelos de alegacións. Estes escritos están baseados na distancia entre o local e os centros escolares que por norma deberá ser maior a 150 metros e que, según subliñan, no caso do Conservatorio non os hai. Tamén hai alegacións en base á saúde pública posto que a ludopatía está recoñecida como adición, molestias e ruidos aos vecinos posto que será un local con horario de apertura diaria ata as dúas da mañanciña, entre outras razóns.

Dende mañá venres e ata o próximo xoves 21 a Coordinadora contra a Casa de Apostas colocará mesas informativas cos distintos modelos de alegacións en distintos puntos da vila de Redondela e na parroquia de Chapela.

As mesas estarán, en Redondela, diante do mercado de abastos, nos soportais do Concello e no campo da Feira o día 21. Pola súa banda as de Chapela quedarán instaladas diante do Centro de Saúde e na Alameda. Con esta campaña esperan que a veciñanza de Redondela presente as súas suxestións e alegacións contra a apertura dese local de apostas tendo en conta que o xogo supón un dos maiores problemas de adición na sociedade actual.