8.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia«Voando nas Rías Baixas» inicia a súa andaina este domingo na enseada...

    «Voando nas Rías Baixas» inicia a súa andaina este domingo na enseada de San Simón

    Esta primeira excursión da Deputación de Pontevedra, en colaboración con Seo BirdLife, esgotou as 25 prazas dispoñibles en tan só dez minutos

    A Enseada de San Simón na ría de Vigo será o privilexiado escenario este domingo da primeira das rutas ornitolóxicas de ‘Voando nas Rías Baixas’, programa da Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO-Birdlife, que a través de cinco excursións guiadas permitirá ao público coñecer de xeito gratuíto a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra e poñer en valor o turismo medio ambiental e sustentable que ofrece o noso territorio. As 25 prazas ofertadas para esta ruta, espazo protexido pola Rede Natura 2000, esgotáronse en tan só 10 minutos.

    Durante a excursión, as persoas participantes poderán observar, nesta paisaxe intermareal situada no máis profundo da ría de Vigo, a invernada e o paso migratorio de aves acuáticas e mariñas. Ademais do pato asubiador, destacan tamén as limícolas como o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e claro, o pilro común; ardeiros como a garza real ou os corvos mariños; e paxariños como o vistoso martiño peixeiro. Esta ruta, que contará con guías especialistas de SEO-Birdlife e con material óptico e didáctico, terá como punto de encontro o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ás 9:00 horas.

    Tras esta primeira ruta, “Voando nas Rías Baixas” continúa cunha segunda excursión o 16 de febreiro polo Complexo Intermareal Umia-O Grove. O prazo de inscrición para o segundo roteiro estará aberto dende o 3 ao 12 de febreiro. Posteriormente, o programa continuará polo esteiro do río Miño e Foz da Ramallosa, Brañas de Xestoso e Serra do Suído.

    “Voando nas Rías Baixas”, que este ano chega a súa terceira edición, trátase dunha iniciativa impulsada xunto a SEO Birdlife e enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con este programa, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.