As finais da Copa Deputación, ás que asistirá a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, xa están servidas tras tres meses de actividade nos que preto de 140 equipos da provincia pelexaron por chegar ao partido polo título. O récord de participación no torneo marcouse grazas á inscrición de 119 equipos masculinos e 19 femininos.
Tras a disputa das rondas previas na competición masculina, finalmente o Pontevedra C.F ‘B’ e C.D. Pontellas xogarán a final, que disputarase este mércores, 29 de maio, ás 21:00 h, no Campo de Fútbol da Lomba, en Vilagarcía de Arousa. Unha semana despois, farán o propio en categoría feminina o Umia C.F. e o C.D. Valladares. Será o mércores 5 de xuño, tamén ás 21:00 h, no Campo do Carrasco, en Marcón
No caso da final masculina, será en Vilagarcía onde decidirase o gañador, que este ano terá novo vencedor despois de que o C.D. Choco, campión das catro últimas edicións, quedase eliminado en semifinais ante o Pontellas (2-0). Se o club porriñés é finalista como gañador da zona sur, na norte foi o filial granate, o Pontevedra C.F.o que clasificouse tras vencer 1-0 ao Marcón Atlético.
Pola súa banda, o campo de Carrasco en Marcón, Pontevedra, será escenario da final feminina, que enfrontará ao Umia C.F. co C.D. Valladares. Ambos equipos alcanzaron a final da Copa Deputación de Pontevedra tras gañar con certa autoridade os partidos de semifinais, xogados a finais de abril.
O equipo de Ribadumia, que xa chegou á final a pasada edición, foi o que obtivo unha vitoria máis contundente, vencendo ao Viajes Interrías Fútbol Feminino por 4 a 1. Pola súa parte, o conxunto vigués derrotou por 2-1 ao Sárdoma C.F. nun partido que xa dominaban 2-0 nos primeiros minutos da segunda metade. O campión da pasada edición, o Atlántida Matama, caeu nesta ocasión na eliminatoria de cuartos de final tras un partido moi igualado ante o Sárdoma C.F.
A final masculina máis aberta dos últimos anos
A Lomba, en Vilagarcía (21:00 horas) recibe este mércores a final masculina ente o Pontevedra B (1ª Autonómica) e o C.D. Pontellas (Preferente Sur) na final máis aberta dos últimos anos. Ademais, será un aliciente extra para dous equipos de éxito esta campaña: o filial granate acaba de conseguir o ascenso a Preferente Sur como subcampión ligueiro e o conxunto porriñés fixo o propio subindo a Terceira División, por vez primeira na súa historia, como campión do grupo sur.
Sergio Moreira, na súa primeira tempada á fronte do equipo, por parte do club da capital, e José Luis Curiel no equipo azulgrana foron os técnicos do ascenso e ambos valoran o evento impulsa e patrocina a administración provincial que preside Carmela Silva, que asistirá á final.
“Disputeina co Atios ante o Unión Grove e perdina; naquel momento non estaba do todo valorada como o está agora”, lembra Curiel (2012, 1-1 ante o Grove e derrota nos penaltis), que estes anos foi eliminado polo Choco (2016), logo campión, e o Sporting Guardés. A ambos lles devolveu agora o desquite deportivo: ao Guardés bateuno 2-5 na Sangriña en cuartos, para meterse nas semifinais (o final sur) e ao equipo redondelán tombouno 2-0 para acceder a esta final. E o Choco levaba catro anos gañando o torneo (de 2015 a 2018) e 29 partidos copeiros sen perder.
Pero a Copa Deputación deste ano, que unha vez máis se disputa en campo de herba natural, converteuse nun torneo de máxima igualdade e abonado ás sorpresas. “As finais hai que xogalas, é unha experiencia e queremos facer un papel digno”, indica Moreira, adestrador do B do Pontevedra.
Ambos os dous equipos chegan ao partido que determina o título ao completo; os granates darán entrada na convocatoria a dous xuvenís, Garrido e Manu Otero, e queren despedir a tempada cunha alegría máis. “Quédanos a espinita de non ser campións ao perder en Pasarón ante o Portonovo, pero a tempada foi moi boa”, recoñece o técnico pontevedrés.
Curiel ten algún xogador con molestias, pero todos estarán dispoñibles. A fin de semana deu descanso a varios xogadores pensando na Copa e en que a fin de semana xogarán en Santa Isabel por ser o mellor equipo de toda a Preferente galega.
A traxectoria copeira de ambos os dous once foi brillante. O Pontevedra B, que actuará como conxunto local, desfíxose do Noalla (0-6), Beluso (2-1), San Martín (4-3), Moraña (1-5), Alondras (1-1 e 5-4 nos penaltis) e Marcón Atlético (1-0). É dicir, na Junquera deixou na cuneta a equipos de Preferente Sur (Beluso e Marcón At.). O Pontellas, que tamén soubo sufrir nos penaltis (primeira eliminatoria, 2-2 en As Baloutas contra o Mos e 1-3 desde os once metros), derrotou claramente ao Choco (2-0, goles de Javier Alonso e Alberto Barreiro) en San Campio 2.
“Chegar á final foi unha sorpresa que non entraba nos nosos plans, pero agora hai que gozala”, di Sergio Moreira. “A Copa mantenche o nivel competitivo e manexas a xente entre domingo e mércores e sempre lle digo aos meus xogadores que, xa que estamos imos gañar. É moi atractiva”.
Por categoría na que xoga, o Pontellas é favorito sobre o papel ao estar unha por encima do seu adversario. “Non me din nada as categorías porque a Copa dá lugar a moita resultados sorpresa e o persoal do Pontevedra B é unha quinta que leva tempo dando que falar”, resumiu Curiel.