13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaRosa Cobo: "A industria da explotación sexual funciona coa racionalidade dunha multinacional...

    Rosa Cobo: “A industria da explotación sexual funciona coa racionalidade dunha multinacional do crime”

    “Un circuíto mafioso que move tantos millóns de euros e dólares non pode crearse sen a complicidade de quen forma parte do Estado e por suposto das elites económicas”

    A doutora en Ciencias Políticas e profesora da Universidade da Coruña Rosa Cobo subliñou hoxe na Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra que a prostitución “foi crecendo nos últimos anos ata converterse no corazón dun sector económico que eu denomino explotación sexual”, unha industria que, segundo esta experta, “funciona cuns niveis de racionalidade e dunha forma parecida ao que é unha multinacional”. “En realidade, é unha multinacional, pero iso si, do crime”, afirmou.

    No marco do Castelo de Soutomaior, Rosa Cobo protagonizou a primeira das conferencias da Xornada sobre Mercantilización do Corpo das Mulleres ‘Pornografía, prostitución: violencia contra as mulleres’, trala presentación da periodista Natalia Puga. A profesora analizou na súa charla como se relacionan entre si o modelo de sexualidade imposto ás mulleres, o capitalismo global, a pornografía, a prostitución, e a alianza entre capitalismo global e prostitución, indicando como as políticas neoliberais produciron un incremento da industria da explotación sexual nas últimas décadas ata acadar os primeiros postos entre as chamadas “economías ilícitas”.

    A experta indicou que esta industria da explotación sexual “na que está implicada a pornografía e outros tantos negocios, é unha industria funcional para dous proxectos políticos, o capitalismo neoliberal e o proxecto do sistema patriarcal contemporáneo, que fan unha alianza para que esta industria non se desactive e siga crecendo”. Máis polo miúdo, Cobo sinalou que, neste último caso, “a prostitución proporciona un balón de osíxeno ao que o feminismo chama masculinidade hexemónica; o que as mulleres conseguimos no ámbito da familia e a parella a algúns varóns parécelles inaceptable, e tratan de compensar esta perda indo a prostíbulos, onde estes bárbaros do patriarcado encontran o seu hábitat natural”. E, no que se refire ao capitalismo neoliberal, en palabras da profesora, “necesita para a súa globalización crear unha cultura da mercantilización; e dentro deste proxecto é fundamental mercantilizar o corpo da muller. Dicir non á prostitución é dicir non ao capitalismo neoliberal. É poñerlle unha fronteira. Hai cousas que non poden entrar no mercado e a sexualidade é a última fronteira da autonomía que temos as mulleres para definirnos como seres humanos”.

    Engadiu neste senso que “dicir que non a este sistema de poder patriarcal é enviar aos varóns, aos puteiros, a mensaxe de que non imos estar dispoñibles; van ter que negociar as relacións dunha maneira distinta, porque a prostitución, como se pode ver na pornografía, é unha negación radical de calquera tipo de compromiso emocional, é un acto de poder no que o puteiro, na súa subxectividade, ve o seu acto de poder e de violencia como un acto de complacencia da muller que está prostituída”.

    Abolicionismo

    Para Rosa Cobo, as políticas abolicionistas da prostitución daranse nun prazo de vinte anos na grande maioría dos países de Europa, “e cando botemos a vista atrás e contemplemos a prostitución desde unha posición de que debe ser abolida, comprenderemos que a foi unha das barbaries que caracterizou ao século XXI”.

    A directora da revista ‘Atlánticas’ referiuse tamén ás xornadas sobre Traballo Sexual que tivo que retirar a Universidade da Coruña ante a presión feminista, especialmente nas redes sociais, para afirmar que “fixemos o que había que facer e o procedemento da universidade ao retiralas foi o correcto”. “Unha universidade non pode poñer a súa plataforma ao servizo de que se faga apoloxía da vulneración dun dereito humano –afirmou–. E enviamos unha mensaxe política moi importante ao lobby proxeneta”.

    No que atinxe a esta industria global da explotación sexual, a doutora subliñou na súa conferencia que nestes momentos, “é un circuíto semiinstitucionalizado”, partindo do concepto de Saskia Sassen. “Porque un circuíto mafioso que move tantos millóns de euros e dólares non pode crearse sen a complicidade do Estado, sen a complicidade de quen forma parte do Estado, do Exército, da Policía, do aparato xudicial, e por suposto das elites económicas e as elites políticas que están no corazón deste proxecto”, indicou, tras apuntar que, despois do mercado ilegal de armas, a industria da explotación sexual comparte co narcotráfico o ránking das economías ilícitas que obteñen máis beneficios.

    Pero Cobo fixo fincapé en que non só hai que definir a prostitución como “o corazón da industria criminal”, ou localizala nos “campos de concentración” cos que a activista Amelia Tiganus define os prostíbulos, senón que hai que saber “en que consiste este tipo de negocios”. “A industria é moi complexa, ten uns niveis altísimos de racionalidade, porque temos que saber quen se beneficia desta industria, porque se se quixeran facer políticas abolicionistas, que se teñen que facer porque non hai outra alternativa á prostitución, necesitamos saber onde temos que mirar, quen se beneficia e de que lugares saen as complicidades para que esta economía siga crecendo”. E, neste eido, citou hoteis; pensións; a industria inmobiliaria, tanto en termos de aluguer ou de venda de vivendas e beneficios, “xa que atrévome a dicir que a industria da explotación sexual significou unha reactivación do mercado inmobiliario”; actores económicos como os taxistas como actores económicos; as farmacias situadas xunto aos burdeis que ven incrementados os seus beneficios; os medios de comunicación que seguen a publicar anuncios de prostitución ou as empresas que distribúen bebidas alcohólicas. “De xeito que os intereses que forman parte deste lobby proxeneta son moitos e algúns xamais se definirían a si mesmos como si tivesen algún tipo de complicidade coa prostitución, e sen embargo, o teñen”.

    “¿A prostitución está vinculada coa pobreza? Por suposto. Cando un país sube as súas taxas de benestar a prostitución autóctona se reduce e nalgúns casos, practicamente desaparece. De modo que a relación entre pobreza e prostitución é de causalidade, pero non todos os países elaborado un proxecto económico que consista en exportar a mulleres para a explotación sexual; é unha elección económica, unha elección de país“, apuntou.

    Volvendo a citar a Sassen, para Cobo o concepto que mellor define ás mulleres que teñen que exercer a prostitución “é o de expulsión”: “Se hai unha expulsión paradigmática do capitalismo neoliberal, global, é a prostitución. As mulleres da prostitución son expulsadas das súas sociedades, das súas contornas, das súas familias, das súas comunidades. Por seren expulsadas, son expulsadas das súas propias expectativas de vida. Por iso é unha expulsión distinta, é unha expulsión para un destino, e ese destino está ao lado de onde vivimos. Nun piso no noso edificio ou nun burdel a dous quilómetros”.

    Conferencia de Ángeles Álvarez

    Conferencia de Silvia Pérez

    Clausura

    Acto de apertura

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.