11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaSilvia Pérez asegura que non abordar á prostitución como unha violencia "e...

    Silvia Pérez asegura que non abordar á prostitución como unha violencia “e de por si unha perversión”

    A experta en violencia de xénero abordou a situación da trata “que se está a configurar como chivo expiatorio da sociedade para seguir sen afrontar o tema da prostitución”

    A xornada matinal “Mercantilización do corpo das mulleres”, no marco da Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra, rematou coa conferencia de Silvia Pérez Freire “Desvelando a realidade da acción contra a trata”. Na súa intervención, a relatora fixo fincapé en que “a trata sexual se está a configurar como chivo expiatorio da nosa sociedade para seguir sen afrontar o tema da prostitución” e tamén abordou a resposta institucional dende a diversidade dos axentes implicados na súa persecución, atención e sensibilización.

    “A prostitución é unha violencia e o feito de que non se estea abordando como tal xa é de por si unha perversión”, destacou Pérez Freire. A continuación, a relatora explicou o “continuum trata-explotación sexual-prostitución” no que amosou que a trata forma parte do “ciclo de violencia prostitucional que se está retroalimentando constantemente”, e incidiu en que a cuestión de fondo deste ciclo é “a prostitución”.

    Silvia Pérez abordou a problemática de que, no tema da trata sexual, “hai forzas e corpos de seguridade do estado que din que as mulleres declaran que estaban alí porque elas querían, pero iso non é o que importa, o importante e que se están a vulnerar os dereitos humanos”. Neste eido, Pérez insistiu en que noutros temas a vontade da vítima é irrelevante, pero no caso da trata sexual non. “O que temos que facer é actuar á marxe da testemuña da vítima, porque se trata dunha vulneración dos dereitos humanos”.

    Pérez continuo analizando os distintos elementos e actuacións no ciclo da trata, segundo as súas propias investigacións. Deste xeito, comezou explicando que nas institucións públicas “se produce un corte sincrónico da realidade, descontextualízase o concepto da prostitución, non teñen clara a súa intervención integral, xerando descoordinación entre os distintos departamentos”. No caso das forzas e corpos de seguridade do Estado e ONGs o que ocorre é “unha fragmentación da realidade”, neste eido explicou que este é un “fenómeno inconmensurable, entón segrégase e actúase na parte que pode ser asumible para os organismos”.

    Pola súa banda, en canto a prostituidores e vítimas, Pérez Freire chegou a conclusión de que aí se produce “unha disociación da realidade. No caso da vítima, “incluso chegan á despersonalización do seu propio corpo, xerando mecanismos para afrontar esa situación” e no que respecta aos prostituidores, “disocian da realidade, deste ciclo de violencia”.

    No seu relatorio, a experta fixo referencia ao seu director de tese, Juan Luis Pintos, que fixo a reflexión de que “se alguén define unha situación como real será real nas súas consecuencias”. Respecto a isto, Pérez Freire fixo fincapé en que “o que fai que unha muller vítima de trata permaneza nunha situación de explotación e despois mesmo de prostitución, é porque non se sente suxeito de dereitos. Senten que a explotación sexual é para o que están destinadas porque lles din que é para o único que serven”. A relatora expuxo os datos do estudo exploratorio de trata de persoas en Galicia, nos que se amosa que “houbo 1.500 vítimas de trata sexual en 2 anos, sen embargo só 5 pasaron a procedemento xudicial”.

    Para rematar, a experta fixo fincapé en que “se reproducen os mesmos patróns que na violencia de xénero, onde tamén se produce a disociación da realidade”. Así, Pérez resaltou que as dificultades que atopan as forzas e corpos de seguridade á hora de chegar a esas persoas son moi similares as das vítimas de violencia de xénero, “falta de autoconciencia da vítima, medo e inseguridade das e dos tratantes, dificultade de acceso á vítima e existencia de barreiras idiomáticas”. A relatora tamén quixo deixar claro a definición de trata, “a captación, o transporte, o traslado, a acollida, ou a recepción de persoas, recorrendo á ameaza ou o uso da forza ou outras formas de coacción; ou abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou á concesión ou recepción de pago de beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación, neste caso sexual”.

    Pérez Freire é doutora en Socioloxía, profesora asociada a Universidade de Vigo e investigadora social especializada en Violencia de Xénero dende hai máis de 15 anos. De feito, a súa tese de doutoramento versou sobre como a trata sexual se está configurando como un mecanismo social de ocultación da prostitución como manifestación da violencia de xénero. Actualmente, Silvia Pérez é cofundadora da RED galega contra a trata sexual.

    Conferencia de Rosa Cobo

    Conferencia de Ángeles Álvarez

    Clausura

    Acto de apertura

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.