13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaPaula Cabaleiro, nova directora do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra

    Paula Cabaleiro, nova directora do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra

    Carmela Silva: “Con este nomeamento imos ordenar as nosas liñas estratéxicas culturais para configurar unha identidade propia do servizo que vai permitir reforzar accións e avanzar na democratización da cultura”

    “Se a cultura era xa unha das nosas grandes apostas e prioridades, non teño ningunha dúbida de que a partir de agora vai haber un revulsivo moi importante”, asegurou Carmela Silva ao dar a coñecer o nomeamento de Paula Cabaleiro como nova directora do servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra.

    A presidenta e a deputada de Cultura, Vicky Alonso, explicaron o obxectivo principal deste novo posto de dirección en prol do ordenamento das “liñas estratéxicas culturais para configurar unha identidade propia do servizo que vai permitir, á súa vez, reforzar accións, poñer en marcha proxectos globais e avanzar na democratización da cultura, facéndoa igualitaria e inclusiva”.

    Así, baixo a dirección de Cabaleiro, o departamento de Cultura da Deputación vai centrar a súa acción en catro eixos de actuación: promoción dos recursos culturais da provincia, configuración dunha oferta cultural propia, promoción do patrimonio intanxible e apoio á produción cultural contemporánea.

    En liñas xerais, a partir de agora a política cultural da Deputación vai ampliar os programas e propostas actuais con novas accións, partindo dos ODS para impulsar políticas culturais responsables, en colaboración cos concellos e fomentando que a cidadanía poida acceder aos servizos culturais. Máis polo miúdo, baixo a dirección de Paula Cabaleiro, o servizo de Cultura vai traballar centrándose en catro eixos de actuación que van recoller todas as actividades que vai impulsar a institución provincial neste eido e que van abordar tamén, de forma transversal, cuestións como a igualdade, obxectivo prioritario do goberno de Carmela Silva, a sustentabilidade ou a inclusión.

    Así, o primeiro dos eixos de actuación do servizo de Cultura será a promoción dos recursos culturais e inclúe, tal e como explicou a nova directora, a súa posta en valor, conservación e actualización ben a través de proxectos de restauración e recuperación, sinalización, musealización ou de exposicións temporais e recoñecemento.

    No que respecta ao segundo eixo de traballo, a oferta cultural propia, Cabaleiro adiantou que se van impulsar actividades, proxectos e programas dende o servizo de Cultura para toda a provincia de Pontevedra. Así, aquí agrúpanse tanto as exposicións temporais, como roteiros literarios, contacontos, obradoiros, formación en literatura como a nova Escola das Letras, ciclos de música clásica, programación musical, fomento da cultura popular galega ou novos programas de apoio específico á programación de artes escénicas e festivais de cine.

    O terceiro grande eixo do servizo de Cultura será a promoción do patrimonio intanxible e a posta en valor e recuperación da memoria. Neste eido traballarase a través de exposición, obradoiros, xornadas e encontros, pero tamén mediante proxectos de investigación, literarios e outros que promovan a divulgación e publicación de contidos relacionados con esta temática.

    Finalmente o cuarto eixo de actuación do servizo de Cultura vai ser o apoio á produción cultural contemporánea, “tan importante se queremos garantir a supervivencia do sector”. Inclúense aquí propostas encamiñadas a premiar a creación cultural contemporánea e a visibilizala, así como certames, bolsas, subvencións, actividades de dinamización cultural e intercambios internacionais.

    Nestas catro áreas Cabaleiro, como detallou a presidenta provincial, ten “acreditada experiencia”. Así, Carmela Silva explicou o amplo currículo da nova directora de Cultura, seleccionada por unanimidade por un órgano técnico de funcionarias e funcionarios da Deputación de Pontevedra e que exerce xa as súas funcións dende o 15 de maio, entre os que se valorou positivamente os seus amplos coñecementos na dirección de plans ou programas culturais, así como a súa experiencia no desenvolvemento de proxectos de dirección e xestión cultural e o vínculo co mundo local. Amais, a presidenta destacou o seu compromiso coa visibilización das mulleres no mundo artístico: “é unha muller nova, potente, comprometida, traballadora, que lle vai dar un pulo moi importante á área de cultura”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.