13.3 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Teatro Principal vístese coa alfombra amarela para reivindicar a Memoria Histórica...

    O Teatro Principal vístese coa alfombra amarela para reivindicar a Memoria Histórica na preestrea do documental ‘Acorda’

    O departamento de Memoria Histórica da Deputación reúne a ducias de integrantes de colectivos memorialistas, representantes institucionais xunto a intérpretes como Uxía, Tanxugueiras, Sheila Patricia ou Eladio Santos

    O amarelo, a cor corporativa do programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir’ da Deputación de Pontevedra foi onte a cor da alfombra de gala que pisaron todas as protagonistas do documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’ no Teatro Principal. A preestrea da peza, que se fixo coidando ata o último detalle, fixo un percorrido polos “lugares onde habitou o silencio, o medio e a perda, poboándoos de música, cancións e palabras”, e puxo de manifesto a transcendencia que para a Deputación ten “camiñar ao lado das vítimas” e “poñer o foco na aposta pola liberdade”, segundo subliñou a deputada de Memoria María Ortega.

    O acto comezou coa apertura do photocall no que se retrataron as deputadas provinciais e as intérpretes Uxía, Tanxugueiras, Sheila Patricia, Eladio Santos; parte do elenco de actrices e actores como Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, Sofía, Gonzalo Valcárcel, Ana Facchini, Clara Iglesias, María Porto, María Diéguez, André Ces ou o pequeno Lois Pérez; a fotógrafa Alba Díaz e o guionista Lois Pérez; a asesora Montse Fajardo; así como testemuñas como Queta Molas, Blanca Francés ou ‘Tatán’, que participaron todos eles no documental, xunto con representantes dos colectivos memorialistas.

    O poeta Lois Pérez, exercendo de presentador, afirmou que o documental ‘Acorda’ fíxose con toda a alma e moito esforzo, “buscando a poesía da verdade”, pero tamén implicou un exercicio de responsabilidade, “ o de honrar xustamente esa verdade dos feitos e a memoria das vítimas”. Sabemos, dixo, que se trata dun proxecto “que é só un grao de area máis nunha inxente causa colectiva” que lideran moitas persoas e asociacións e colectivos “que levan moito tempo, nalgúns casos toda a súa vida, loitando para que se faga xustiza e se honre a memoria das vítimas e a súa dignidade”.

    Tomou logo a palabra a deputada María Ortega, para sinalar que o de hoxe é un día importante no que “imos facer memoria cunha arma moi potente para a reivindicación: a arte, a música. A reivindicación da verdade, da xustiza e da reparación, da loita pola impunidade. A reivindicación da resistencia, a reivindicación das ideas, a reivindicación da liberdade”.

    Quixo subliñar a nacionalista que no departamento provincial de Memoria “temos claro que a mensaxe ten que chegar a xente moza que, contrariamente ao que se pensa, quere coñecer o pasado para reivindicarse no futuro. Teñen dereito a saber o que pasou durante unha escura época da que non se fala nas escolas, cuxo recordo aínda xera conflito e incomodidade entre unha parte da sociedade, unha parte da nosa clase política. A mocidade que ten inquedanzas e tamén quere facer e fai memoria. Para ela, pero o que é máis importante, con ela temos que traballar”.

    Finalizou asegurando que as institucións públicas “debemos facer políticas de memoria, camiñar do lado das vítimas para recoñecelas, honralas, e tamén para poñer en valor aqueles ideais que, de terse desenvolvido, hoxe nos brindarían unha sociedade máis avanzada, máis libre”.

    Coloquio

    Logo da proxección do documental, que durou unha hora, deuse paso a un pequeno coloquio no que participaron Uxía, como directora artística, e Blanca Francés, neta de represaliado, e Queta Molas, presidenta ARMH de Marín, ambas participantes en ‘Acorda’.

    Explicou Uxía que o documental foi un reto no que se puxo alma e moitas horas de traballo, e agradeceu a todas e cada unha das persoas que participaron na súa consecución e que estaban presentes na preestrea, pero tamén aos que non puideron achegarse ao Principal: Telmo Comesaña e demais testemuñas que contaron as súas historias; a co-directora artística Marina Carracedo “que tivo un peso enorme na concepción, creación, concepción e execución do proxecto” para quen pediu un aplauso para visibilizar o seu labor; Lucas Terceiro, o director e realizador, “un novo talento do noso audiovisual que nos deixou abraiadas pola súa sensibilidade e o xeito tan persoal de plasmar en imaxes cunha estética moi nova e moi fermosa”; as operadoras de cámara, Clara e Pedro; e o técnico de son Arturo Vaquero.

    Tamén lembrou ao resto dos intérpretes (ademais das presentes Tanxugueiras, Sheila Patricia e Eladio dos Santos): Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural; Ezetaerre , e Su Garrido Pombo, a quen Uxía agradeceu fondamente o seu dueto, “que vestise a miña canción, paxaros que cantan, coa que se abre e pecha acorda, con tantas texturas de voces, de sultilezas e de cores”. Puxo tamén sobre a mesa as recreacións de actores e actrices axudaron a dar ritmo e veracidade ao relato, a dotar de vida as palabras.

    “Acorda, esta mensaxe de paz, memoria e rebeldía para as novas xeracións xa é voso para sempre e se contribúe minimamente a facer xustiza, a manter a memoria e ilustrar esas historias de loita e dignidade dámonos por satisfeitas”, finalizou a compositora.

    O lazareto e o avó no cabalo branco

    Outro dos momentos máis emotivos da xornada foron as intervencións de Queta Molas e Blanca Francés. A primeira fixo un percorrido polo seu compromiso coa memoria, lembrando a súa infancia e ao seu pai falando do lazareto e a caixa feita a man con madeira de buxo do paseo de San Simón que aínda conserva con fotos e cartas da época.

    Subliñou que aos poucos ela foi coñecendo a historia tanto do seu proxenitor como doutros homes que estiveran en San Simón, e interiorizando as historias de fusilamentos, paseos, cárcere e problemas cos papeis que arramplaran a mocidade de todos eles. “Todo aquilo repercutiu nas súas vidas. Ata o ano 75 meu pai non puido reincorporarse no seu antigo posto. Foi readmitido como conserxe no concello. Despois formou parte da primeira candidatura do PSOE en Marín, e no 82 (…) asegurou que xa podía morrer en paz”, contou. Molas manifestou a súa esperanza en que no curto prazo as dúas rúas aínda con nomes relativos ao Franquismo en Marín e os símbolos da igrexa vella sexan retirados en homenaxe ás vítimas.

    Blanca Francés, pola súa banda, afondou na historia da súa familia que non puido contar no documental: que fusilaron a un tío no mes de xullo, ao avó en agosto e a dous tíos-avós en setembro. “Todas as historias estaban sumidas no silencio. Nós os nenos non sabiamos nada. Eu non sabía de que morrera meu avó… Cando unha curmá me dixo que o mataran eu imaxinaba un heroe nun cabalo branco entrando nunha praza morto dun disparo, pero nunca preguntei. Despois meu pai comezou a falar e nunca parou”, subliñou.

    Francés fixo tamén unha chamada á xente moza para que “coñezan e sigan contando memoria”. ”Eu síntome como a portadora da memoria. Os meus fillos tamén. Quero que a xente saiba para que non volva pasar. Son orgullosa da miña familia, pero foi todo un horror. (…) Poden cambiar moitas cousas, pero aínda falta o recoñecemento á xente que fusilaron, que estivo no exilio. Creo que aínda non se fixo. Hai que ter a palabra reparación como unha das grandes palabras a ter en conta”, finalizou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.