15 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia'Liderado feminino e cidades sostibles' centrarán a xornada final da Escola María...

    ‘Liderado feminino e cidades sostibles’ centrarán a xornada final da Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra

    A vicepresidenta do Goberno, Teresa Ribera, e a presidenta do Consello do Estado, Mª Teresa Fernández de la Vega, participarán nos actos de apertura e clausura

    Tras a primeira sesión, na que máis de 300 persoas reuníronse on line para escoitar a mulleres da sanidade, educación, ciencia e da investigación como África González, Tatiana López, Ana Concheiro, Capitolina Díaz, Elena Rivo e Elena Vázquez, este xoves 29 de abril celebrarase a segunda parte da xornada ‘A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro’, organizada pola Deputación de Pontevedra e a USC, na que se afondará no liderado feminino nas institucións públicas e nas cidades sostibles. A vicepresidenta do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, intervirá no acto de apertura, e a presidenta da Consello do Estado, Mª Teresa Fernández de la Vega, farao na clausura xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, e á avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.

    Máis dun centenar de persoas xa están inscritas para asistir, de xeito telemático, á derradeira cita de A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro, impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals. O prazo seguirá aberto ata o propio xoves ao través da web institucional da Deputación na ligazón https://www.depo.gal/xornada-a-axenda-2030-e-o-papel-das-mulleres-na-administracion-publica-do-futuro

    A sesión comezará ás 9.30 h co acto de apertura e a primeira mesa que versará sobre O liderado feminino na Administración e o seu avance cara unha igualdade real. Será moderada pola Valedora do Pobo, Dolores Fernández, e participará a directora Financeira e de Orzamentos da OCDE, Ana José Varela, a presidenta da Asociación de Mulleres no Sector Público, Concepción Campos, e a titular da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, Margarita Pajaró.

    Cidades sostibles: un reto para o liderado feminino no mundo local na procura de institucións sólidas será a segunda e última mesa de debate na que a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, Mª Xosé Rodríguez Galdo, conversará coa concelleira de Territorio e Acción polo Clima de Vitoria-Gasteiz, Ana Oregui, coa xornalista especialista en comunicación e redes sociais na administración pública local, Amalia López, e coa interventora da administración local e directora do ORAL da Deputación, Inmaculada Viña. A partir das 13.00 horas terá lugar a clausura da xornada na que intervirán a presidenta do Consello do Estado, Mª Teresa Fernández de la Vega, xunto á presidenta provincial Carmela Silva e á avogada xeral do Estado Consuelo Castro.

    A xornada A Axenda 2030 e o papel das mulleres na Administración pública do futuro, estase a desenvolver de forma semipresencial e online desde o Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra. Nela, máis de vinte expertas están a debater e a reflexionar sobre a necesidade da voz das mulleres e o liderado feminino na xestión da Axenda 2030 e a consecución dos ODS, afondando en eidos como o socio-sanitario, a investigación, a ciencia, a educación pública, o liderado institucional, o urbanismo sostible e o mundo local.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.