A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que salienta o bo estado xeral das viñas debido ás condicións climatolóxicas e subliña que a progresión da maduración das uvas debido á calor deste mes de xullo pode motivar o adianto da vendima, de continuar a actual situación.
Recomenda, non obstante, unha maior vixilancia das avelaíñas do acio, pola súa relación coa enfermidade da botrite, ao estar as uvas máis sensibles a este patóxeno por ese proceso de maduración. Porén, o aviso de Areeiro fai referencia a que as condicións de humidade e temperatura previstas non son favorables a este patóxeno e que amais, a presenza de podre está relacionada coa existencia de feridas nas uvas e neste momento os grans en xeral están bastante sans. Non obstante , neste senso suxire seguir con atención a evolución dos acios nas vindeiras semanas.
O persoal especialista de Areeiro destaca tamén no aviso a boa situación das viñas respecto ao mildio. Deste xeito, nin nas fincas da Estación Fitopatolóxica nin nas revisadas e as abandonadas apareceron sequera síntomas nos gromos novos. Engade que os acios xa empezan a estar libres de poder ser afectados debido ao estado fenolóxico actual, pero non así a folla e os pampos, e co estrés destes días as plantas non poden perder máis folla da que xa está a caer pola climatoloxía debido a que pode interferir na boa maduración da uva. Porén, en ausencia de choivas non se espera ningunha nova contaminación, e a iso apuntan as previsións meteorolóxicas, polo que apunta que non será preciso renovar os tratamentos.
Respecto ao oídio, o aviso sinala que nas revisións desta semana volveron a observarse focos de acios afectados nas viñas que veñen arrastrando síntomas, pero de pequena superficie, e que afectan aos acios onde primeiro se desenvolveu a enfermidade e aos próximos. Aínda que coas condicións climatolóxicas actuais e as próximas de tempo seco non existe tanto risco de perda de acios ao estar no pintado, Areeiro sinala que haberá tamén que manter a vixilancia nos predios onde se detectara a enfermidade na campaña.
E, no caso do Black-rot, o risco tamén é baixo, porque os acios son a estas alturas da campaña inmunes á enfermidade, e só poderían ter lugar contaminacións nas follas nas viñas con presenza do fungo de producirse choivas, o que parece que non sucederá nos próximos días.
O aviso fitosanitario refírese tamén ás avelaíñas do acio, ao sinalar que aínda que se manteñen en niveis moi baixos as capturas de machos nas trampas, na práctica totalidade de viñas visitadas hai presenza dalgunha penetración de Lobesia botrana. Sinala que é fundamental facer seguimentos específicos en cada predio para decidir sobre a conveniencia ou non de realizar unha intervención. Deste xeito, insiste en que non deben ser intervencións inxustificadas para protexer á fauna beneficiosa que existe nas viñas.
Tamén se incrementaron o número de capturas de adultos de cicadelidos nalgunhas viñas de seguimento habitual, pero na súa maioría eran da especie Zygina rhamni, que non ten importancia. Canto ás ninfas nas follas, hai poucas en todas as viñas. Por esta razón, o persoal da Estación considera que os síntomas que serían compatibles cos ataques de cicadelidos son debidos a causas non bióticas como a seca, carencias ou acidez. Doutra banda, aínda non se recolleron exemplares nin se viron ninfas do Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada, grave patoloxía de corentena que está detectada en Portugal, pero non en Galicia.
Nalgunha zona do Salnés, detectáronse síntomas das picaduras de trips, pero os recontos de individuos nas follas deron resultados moi baixos. Aínda así, Areeiro suxire manter a vixilancia. Amais, nalgunhas viñas onde xa estaba presente o ácaro, aumentou de xeito notorio o número de brotes afectados pola erinose de verán. En canto ás outras especies de ácaros fitófagos, non se atoparon exemplares nas mostras, senón varios individuos de ácaros fitoseidos útiles, que regulan de xeito natural as poboacións dos fitófagos.
Areeiro alertou de que continúan outras incidencias nas plantas da viña: plantas con síntomas de alteracións de madeira, acios con golpe de sol e síntomas de déficit hídrico.
Doutra banda, o aviso fitosanitario refírese a outros cultivos como a maceira. Así, advirte de que continúan incrementándose as colonias do pulgón laníxero nas plantas revisadas, e tamén esta semana se recibiu no centro unha mostra cunha elevadísima porcentaxe de individuos parasitados, a maioría con buracos de emerxencia do parasitoide. Amais, Areeiro apunta que xa é un bo momento para instalar as bandas de cartón ondulado arredor dos troncos para que as eirugas de cydia pomonella vaian cara elas. Estas bandas deben quedar nas plantas ata o outono e despois hai que retiralas e a súa finalidade é reducir as poboacións para a próxima campaña.
Así mesmo, apunta que coa froita en fase de maduración, hai danos (por paxaros, pola avespa asiática…) que están facendo que as mazás empecen a podrecer. Tamén se observou nesta semana un macho de Drosophila suzukii (mosca que pon os ovos en moitas froitas e cuxas larvas se alimentan da polpa) nunha mazá, polo que o persoal de Areeiro recomenda eliminar tanto a froita con podremias na árbore como a do solo, que tamén é xa frecuente.
No que respecta aos cítricos, Areeiro sinala que nos controlados diminuíu a presenza da psila africana. Non obstante, nesta semana recibíronse numerosas consultas sobre esta praga, cuxas poboacións poden reducirse eliminando os gromos tenros, colocando trampas engomadas amarelas na zona das árbores e, se así non se consigue frear o avance da praga, tratando con aceite de parafina 54,6% ou deltametrin 1,5 e 2,5%. É importante destacar que nas follas ben desenvolvidas (xa grosas) os síntomas permanecen pero xa non hai formas vivas nelas. No caso da nogueira, o aviso refírese a que xa se produciron capturas de rhagoletis completa,, o cal supón un adianto de dúas semanas en relación aos anos anteriores (desde o 2017). Este insecto é típico da casca verde da noz, que podrece e seca, e que diminúe a calidade das noces así como a cantidade, porque ataques temperás fan caer os froitos que se están a formar. En España xa hai dispoñibles feromonas para detectar a presenza desta especie, o cal xa reduce as poboacións, pero é moi importante retirar os froitos que caian prematuramente no solo para evitar que as larvas se enterren para poder transformarse en novos adultos.
Doutra banda, no que se refire ao buxo, non se atoparon eirugas da Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo) nas sebes e plantas illadas visitadas e, de feito, están amosando certa brotación, mesmo plantas abandonadas seriamente afectadas pola praga. E, no caso do piñeiro, capturáronse machos de procesionaria nas trampas de feromona instaladas en dous xardíns.