13.1 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA recuperación do turismo pon o foco na dixitalización e na sostibilidade...

    A recuperación do turismo pon o foco na dixitalización e na sostibilidade como eixos da transformación do sector

    Dar a coñecer dun xeito claro ao sector as claves dos programas e liñas de axuda dos fondos Next Generation da man dos mellores expertos e expertas do Estado foi hoxe o obxectivo do webinario “Plan de Recuperación do Sector Turístico: Oportunidades para o sector público e privado” promovido pola Deputación de Pontevedra e Segittur que se desenvolveu de xeito telemático cunha espectacular acollida. Un total de 210 participantes, representantes tanto de empresas como de distintas administracións de todo o estado, seguiron este encontro de alto nivel na que tanto as persoas relatoras como a presidenta provincial, Carmela Silva, deixaron claro que a dixitalización e a sostibilidade son eixos centrais da transformación do modelo turístico para “seguir modernizando neste sector no que somos dos máis potentes do mundo”. “Estou segura, dixo, que temos un futuro extraordinario e imos seguir sendo ese gran destino referente”.

    A presidenta subliñou que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a ferramenta clave para o desenvolvemento dos fondos europeos, “vai ter como un dos grandes elementos o sector turístico para o seu relanzamento e para a súa modernización, para poñer en marcha todos aqueles instrumentos de competitividade que nos permitan seguir a ser ese gran destino turístico no mundo”, cun investimento neste área de 3.400 millóns de euros. Carmela Silva fixo fincapé en que a pandemia puxo de manifesto a resiliencia do sector “que ten unha gran capacidade de recuperación” e de feito citou o exemplo do destino Pontevedra Provincia, que este verán “superou non só os datos do 2020, senón tamén os do 2019 na gran maioría das comarcas”. “Isto xerou moitísimo movemento e que volvéramos medrar economicamente, que se xerara emprego e que esteamos a recuperar o optimismo –engadiu-. Porque ter a capacidade de volver a unha certa normalidade e volver a ver todo o sector de novo cun alto nivel de actividade xera optimismo, algo que necesitamos nesta situación”.

    Carmela Silva destacou tamén a importancia destas xornadas para clarificar as inquedanzas do sector, como amosa a gran participación neste encontro telemático, no que estiveron representantes dos Clúster de Turismo, empresas, concellos e deputacións, “cunha enorme representación de todos os destinos e do sector privado e público”, entre elas o Goberno de Navarra, as deputacións de Barcelona e Sevilla, o Instituto para la Calidad Turística de España (ICTE), o Instituto de Turismo de Córdoba, o Clúster de Innovación Turística de Canarias; os Clúster de Turismo de Aragón e Galicia ou da Asociación de Ecoturismo de España Miembros de la RED DTI (que inclúe concellos de Avilés, Castropol, Granada, El Ejido, Alcobendas) etc.

    Galo Gutiérrez, director xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, abordou Os retos da pequena e mediana empresa na recuperación: oportunidades, na que debullou as principais liñas do Plan de Recuperación e incidiu de xeito especial nos campos da industria e das pemes. Para Gutiérrez, “temos a oportunidade a partir da pandemia de dar un xiro ao noso modelo económico, neste caso industrial, e é un reto ao que se enfronta o país, non só é cuestión do Goberno senón do conxunto da sociedade”. Lembrou que na actual primeira fase España recibirá case 70.000 millóns dos fondos europeos para a recuperación, e o programa deseñado xira en torno a varios eixos: transición dixital e ecoloxía, cohesión social e territorial e igualdade de xénero. O 23% desa cantidade irá destinada de xeito a impulsar a modernización e dixitalización das empresas, compostas maioritariamente por pemes e autónomos. No caso da política industrial, búscase apoiar a aposta dixital de sectores estratéxicos, avanzar na sostibilidade na economía e incrementar as políticas que favorezan o emprendemento e que as empresas “gañen peso no conxunto do valor engadido”. No conxunto da política industrial prevese un investimento de preto de 3.800 euros, e en concreto, nas políticas de crecemento de pemes serán 500 millóns “para promover o seu crecemento facilitando o acceso á financiación”.

    Pola súa banda, Luis Prieto, director de economía dixital de Red.es, falou sobre as Axudas enmarcadas nos compoñentes 13 e 16. Impulso ás pemes, e incidiu nos plans de dixitalización previstos para o impulso das pemes e a súa conectividade e, máis concretamente, citou os programas Aceleradora Pyme e Toolkit, de apoio ás empresas. No primeiro caso, trátase dun portal no que as empresas poderán obter un diagnóstico de posicionamento e recibirán recomendacións e axudas, mentres que Toolkit prevé mellorar a incorporación das pemes ás novas tecnoloxías e está dirixida a empresas de menos de 49 empregados ou autónomos. Ofreceranse paquetes de dixitalización e o obxectivo é acadar un millón de empresas e autónomos, que recibirán entre 1.500 y 15.000 euros nestas axudas.

    Centrada xa de xeito especial no sector turístico estivo a charla do presidente de Segittur, Enrique Martínez, que falou das Axudas enmarcadas no compoñente 14. Apoio ao sector turístico do Plan de Reactivación, cifradas en 3.400 millóns de euros. O respaldo ao sector turístico vén da man do Plan de Transformación dos Destinos Turísticos, coa consolidación da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, así como do impulso ao Sistema de Intelixencia Turística entre outras iniciativas ou o Plan de Transformación Dixital para Empresas. “A xente xa non quere tanto datos como cadros de mando coa información visualizada e que permita tomar decisións. Iso o facemos pero temos que mellorar e definir un modelo de servizo aos destinos para que poidan ter as ferramentas que necesitan”. Entre as convocatorias figuran á destinada a innovación da “Última Milla”, que prevé agrupar a empresas que teñan as mesmas necesidades de nicho vinculadas á súa singularidade para darlles solucións, e tamén outra destinada á mellorar a formación, orientada tanto ao sector público como privado. Martínez engadiu que está aberta a convocatoria dos plans de sostibilidade, onde o Plan Nacional dá prioridade este ano ao Camiño de Santiago. A maiores, está a piques de publicarse outra para produtos turísticos onde os ligados ao Camino terán protagonismo.

    Pola súa banda, Ana Jar Rodríguez-Medel, subdirectora adxunta de Desenvolvemento e Sostibilidade Turística do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, abordou a Estratexia de sostibilidade turística en destinos que, segundo indicou, tamén está centrada na sostibilidade e a dixitalización e en estratexias de resiliencia turística para mellorar a competitividade, “co obxectivo de que España manteña o seu liderado” e para apoiar aos destinos “na transformación a polos de innovación turística, sempre sen esquecer os obxectivos de cohesión territorial, non só dentro de cada territorio, senón nas conexións entre os distintos territorios”. Estas estratexias, con investimentos previstos de 1.900 millóns para destinos de sol e praia, rurais e urbanos, segundo apuntou, buscan tamén facer fronte a retos como o cambio climático ou a sobredemanda turística e manteñen a cogobernanza entre o público e o privado. Este ano céntranse no Plan Xacobeo, que financiará proxectos relacionados cos Camiños de Santiago que cruzan o territorio nacional.

    A derradeira das charlas a protagonizou John Mora, vicepresidente da Comisión de Smart Cities e Turismo Intelixente de Ametic, quen puxo sobre a mesa As necesidades de transformación do sector turístico. Tecnoloxías aplicadas ao turismo. Mora destacou a capacidade da tecnoloxía da “xerar efecto chamada” e citou que a dixitalización “é unha condición necesaria” nos retos do sector. E incidiu na necesidade do “traballo colaborativo” e da aliñación entre o público e o privado que xa amosa o modelo turístico: “O gran recurso económico é a parte pública, que deberá estar perfectamente aliñada para asegurarnos que está en consonancia cos ecosistemas empresariais que temos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.