10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación homenaxea á triunfadora e triunfadores do mundial de piragüismo

    A Deputación homenaxea á triunfadora e triunfadores do mundial de piragüismo

    A Deputación de Pontevedra sumouse este venres á merecida homenaxe do concello de Cangas a Teresa Portela, Rodrigo Germade, Pablo Graña e David Barreiro, catro grandes do piragüismo, de orixe cangués, que veñen de completar unha gran actuación no Mundial celebrado en Szeged, Hungría.

    Na vila do Morrazo estivo presente o deputado de deportes, Gorka Gómez, que subliñou “o excelente momento do deporte pontevedrés”. Para mostra, a e os protagonistas da cita, que chegaron cargados de alegría e éxitos a un acto ao que asistiu Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas.

    Teresa Portela conversa co deputado de Deportes, Gorka Gómez

    Teresa Portela, Rodrigo Germade e Pablo Graña, xunto a Pedro Vázquez Llenín e a deportistas doutros puntos da provincia, volveron do Mundial cunha medalla na maleta, amosando novamente que Pontevedra é unha terra de referencia no piragüismo mundial.

    En Szeged, Teresa Portela conseguiu a medalla de prata en K-1 200 metros, a súa decimoquinta medalla mundialista. A piragüista, lenda do deporte español, acadou con este resultado a clasificación olímpica para España, o mesmo que fixo Rodrigo Germade como integrante do K-4 500 metros. De confirmarse oficialmente a presencia de ambos en Pekín 2020, suporía a sexta participación para Teresa, converténdose na primeira muller en conseguilo, e a segunda para Rodrigo, que foi quinto en Río de Xaneiro 2016.

    Sobre a piragüista canguesa, Gorka Gómez resaltou que “unha das liñas da Deputación é o apoio sen fisuras ao deporte feminino e polo tanto é para nós unha honra poder contar na nosa provincia cunha figura como Teresa Portela, que representa os valores do deporte e que dignifica o papel da muller na sociedade, dándolle a relevancia que debe ter e que en moitos casos, por desgraza, non ten”.

    Pola súa banda, Pablo Graña proclamouse campión do mundo en C-2 200 metros, unha distancia que non é olímpica. El, xunto ao tamén homenaxeado David Barreiro, son dúas das grandes promesas do piragüismo español. Barreiro, de 20 anos coma Pablo Graña, foi octavo en C-1 500 metros

    No acto, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, dirixiuse á e aos deportistas para valorar o seu traballo, xa que “o deporte leva consigo unha cultura de sacrificio e esforzo que serve para calquera ámbito de vida”.

    Pola súa banda, Gorka Gómez tamén quixo aproveitar o acto para destacar que “o esforzo persoal e familiar que se fai nun deporte como o piragüismo da aínda máis valor aos éxitos deportivos que veñen de acadar. As veces deportistas coma vós non teñen o apoio que merecedes e por iso institucións como a Deputación de Pontevedra debemos estar aí, apoiándovos incondicionalmente porque sodes exemplos para os cativos e tedes a capacidade de fomentar os hábitos de vida saudables”.

    A homenaxe celébrase un día antes deste sábado que pode ser moi importante para o deporte pontevedrés. Por unha banda, o moañés Rodrigo Conde participará na final do Mundial de Remo na clase ‘dobre scull lixeiro’, e o fai xa coa garantía de ter conseguido para España a clasificación olímpica, billete que, presumiblemente, será para el e o seu compañeiro de embarcación, o catalán Manel Balastegui.

    Por outra banda, o triatleta Javier Gómez Noya competirá en Suiza na Gran Final das Series Mundiais, cita á que chega en terceira posición do ranking e na que xogarase unha nova medalla mundial. A Deputación de Pontevedra desexa moita sorte aos dous deportistas, exemplos do talento deportivo que alberga a provincia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.