9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación destina 2,1 millóns para infraestruturas e desenvolvemento sostible para dez...

    A Deputación destina 2,1 millóns para infraestruturas e desenvolvemento sostible para dez municipios da provincia

    Carmela Silva anunciou achegas por medio millón de euros para a substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa, así como a renovación do convenio para a retirada de vehículos abandonados

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta hoxe dos novos investimentos aprobados pola Xunta de Goberno, presupostados en 2,1 millóns de euros e enmarcados na “aposta medioambiental e de apoio aos concellos” que mantén a institución, en aras de acadar unha provincia referenciada no desenvolvemento sostible. Da citada cantidade, 1,6 millóns corresponden a achegas do Plan Concellos que están destinadas a dez municipios, mentres que case medio millón (492.000€) permitirán a cinco concellos desenvolver proxectos de eficiencia enerxética, coa substitución das caldeiras de gasóleo por biomasa.

    No que se refire ao Plan Concellos, a presidenta explicou que as achegas aprobadas da Liña 1 de Investimentos (1,2 millóns) permitirán aos municipios de Cangas, A Guarda, Bueu, Silleda, Ponteareas, Mos, Cambados, O Rosal e Meaño realizar distintas obras de “acondicionamento e mellora de servizos urbanísticos, pavimentación, restauración e mellora da seguridade viaria entre outros”.

    Máis polo miúdo, destínanse 116.688,61 euros para financiar a renovación do pavimento en varías rúas do concello da Guarda, mentres que Cangas recibirá 78.806,70 euros para mellorar as instalacións e a accesibilidade da biblioteca do Seixo-Darbo-Cangas. Pola súa banda, Bueu contará con 112.138,45 euros para acometer a segunda fase da restauración do Estaleiro de Banda do Río e Cambados terá unha achega de 62.106,54 euros para a mellora dos servizos urbanísticos da rúa Manuel Murguía. Así mesmo, para O Rosal aprobouse unha subvención de 161.261,01 euros que serán empregados para o acondicionamento do mercado de abastos.

    A lista de investimentos complétase coas achegas que recibirán Ponteareas (61.359,97 euros), para acondicionar un camiño na parroquia de Santiago de Oliveira e para acometer o ensanche e pavimentación do lugar Outeiro de Castro; Silleda (250.000 euros), para financiar a mellora de vías municipais do concello e Mos, que recibirá 318.739,32 euros ao fin de mellorar a seguridade viaria nas parroquias de Guizán e Tameiga. Por último, Meaño contará cunha achega de 73.865,43 euros para financiar a mellora e pavimentación dos camiños de Coirón a Ganón e de Morouzos a Ganón, así como o camiño Padrenda de Abaixo e varios camiños na parroquia de Lores. No marco da Liña 3 de Emprego, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou a modificación, por reaxustes da Covid19, dúas achegas, por importe de preto de 445.000 euros, destinadas a Ponte Caldelas e Ponteareas, para contratar a 13 e 39 persoas respectivamente.

    Proxectos medioambientais

    Doutra banda, no marco da aposta da Deputación “por unha provincia referenciada no medio ambiente”, Carmela Silva destacou hoxe dúas iniciativas que beneficiarán aos concellos, en concreto as achegas aprobadas para a substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa, enmarcadas nos fondos europeos IDAE para proxectos sostibles e de eficiencia enerxética, así como a renovación do convenio para a retirada de vehículos abandonados, destinado ao concellos de menos de 50.000 habitantes.

    No primeiro caso, a presidenta indicou que trátase dun investimento de case medio millón de euros para os proxectos de substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa en cinco concellos, A Guarda, Salvaterra de Miño, Mondariz, Portas e Caldas de Reis. Son actuacións “de grande interese público que lles permitirán reducir as súas emisións contaminantes e acadar un aforro enerxético do 25 %”.

    “Estas obras –manifestou– levan aparellada a redución considerable dos custes de subministro de gasóleo para as arcas dos concellos. Pero o máis importante é que teñen grandes beneficios ecolóxicos, xa que permiten aforros de emisión de CO2 á atmosfera e contribuír deste modo a atallar as consecuencias da emerxencia climática que estamos a sufrir debido ao quentamento global”. Silva lembrou así mesmo que a biomasa ten a consideración de enerxía renovable, “un método eficiente e sustentable, así como máis seguro e limpo”. “De feito –engadiu–, a extracción da biomasa forestal contribúe a ter os montes máis limpos, o que axuda a previr os incendios, que este ano estamos volvendo a sufrilos. E amais reduce os residuos das industrias”.  

    Como explicou, con estas achegas A Guarda vai substituír a caldeira de gasóleo do Centro Cultural, mentres que Salvaterra acometerá tres actuacións, coa substitución das existentes no Concello, o Centro Cultural e no Xulgado de Paz. Pola súa banda, Mondariz cambiará a caldeira do Centro Social; Portas, as do edificio da Azucreira, a gardería e o Centro de Día e, por último, Caldas de Reis substituirá a da piscina.

    Doutra banda, a Deputación vén de renovar o convenio para a retirada de vehículos abandonados que ofrece aos municipios de menos de 50.000 habitantes, un servizo que “non supón coste algún para os concellos” e ao que están xa adheridos 43. “Ofrecemos esta prestación –destacou a presidenta da institución– conscientes do número de vehículos abandonados nos distintos concellos, coa contaminación ambiental e visual que provoca. Amais, axudamos con recursos aos concellos para poder levar a cabo este servizo de competencia exclusivamente municipal”.

    O servizo consiste na recollida destes vehículos ao final da súa vida útil ou fóra de uso –para o que previamente os concellos deben tramitar a súa declaración como residuo sólido urbano– así como o posterior tratamento de descontaminación. Carmela Silva explicou que os 43 concellos adheridos terán agora que renovar o convenio, mentres que a Deputación abre a posibilidade agora de que os municipios restantes de menos de 50.000 habitantes poidan sumarse.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.