A Deputación de Pontevedra vai celebrar por todo o alto este venres, 1 de abril, o Día das Artes Galegas cun encontro pictórico no que escolares de Lalín, Vigo e Pontevedra realizarán no Pazo Provincial a súa propia homenaxe ao artista José Otero Abeledo, Laxeiro (1908-1996), a quen a Real Academia Galega de Belas Artes recoñece neste 2022. Amais, a institución provincial desenvolverá en maio, en colaboración coa RAGBA, tres rutas guiadas tamén nas comarcas de Deza, Vigo e Pontevedra que percorrerán os espazos de inspiración do pintor.
O alumnado que participa nesta iniciativa da Deputación é o de 3º de Primaria do CEIP Xesús Golmar de Lalín, o CEIP Pintor Laxeiro de Vigo e o CEP Campolongo de Pontevedra, tres lugares vinculados á vida do artista. Partindo do trazo característico co que o autor pintaba ás nenas e nenos, a actividade busca inverter o papel e que sexan as crianzas as que interpreten a Laxeiro. Así, ao longo desta semana, os e as escolares están a participar nun obradoiro pictórico dirixido por Taller Abierto no que se converten en artistas por un día, inspirándose e homenaxeando a Laxeiro e á súa obra. Xa o venres 1, ás 12 horas, farán a posta en común dos seus traballos creativos no Pazo Provincial nun encontro no que o alumnado de Campolongo acudirá de xeito presencial e o dos outros dous centros de forma telemática. Despois desta actividade central, a Deputación tamén porá en marcha en maio en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes tres rutas guiadas por espazos de inspiración de Laxeiro en Lalín, Vigo e Pontevedra. Deste xeito, “Os camiños de Laxeiro” pretenden contextualizar ao pintor nos lugares de ida e volta para o artista: O Marquesado da Romea, como chamaba ás terras de Deza, o Vigo tan propenso ás vangardas, ou a Pontevedra que supón o norte en canto significa Galicia. Espazos reinterpretados por Laxeiro cunha mitoloxía, xeito propio e certo misterio inconfundible. Nas vindeiras semanas concretaranse as datas e a forma de realizar as inscricións.