10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación anima neste outono a "tornar ás táboas" cunha completa programación...

    A Deputación anima neste outono a “tornar ás táboas” cunha completa programación teatral que chegará a todas as comarcas da provincia

    36 compañías protagonizarán as funcións que se desenvolverán do 22 de setembro ao 19 de decembro en 35 concellos de menos de 20.000 habitantes e no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra

    A Deputación de Pontevedra volve levantar o pano do teatro este outono. Co lanzamento do programa “Tornar ás Táboas” a institución provincial vai levar o teatro a toda a provincia, no marco do seu obxectivo de “aviventar cultura” este 2021, e máis particularmente cunha aposta polos concellos de menos de 20.000 habitantes, os que, como destacou hoxe a presidenta Carmela Silva, “teñen menos recursos para desenvolver actividade cultural”. Deste xeito, de setembro a decembro desenvolveranse 36 funcións cargo doutras tantas compañías en 35 municipios de todas as comarcas da provincia, amais doutra específica no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra.

    A programación de “Tornar ás Táboas” contará con 3 funcións en setembro, 15 en outubro, 10 en novembro e 8 en decembro. Comezará o día 22 deste mes no Príncipe Felipe, que se vai converter en centro de referencia da programación cultural da Deputación, “porque queremos que as nenas e nenos do centro teñan un contacto directo coa cultura”, como salientou Carmela Silva. “A cultura –afirmou- ten un enorme poder transformador e as crianzas e xente moza que está en contacto coa cultura ten máis posibilidades de acadar a igualdade de oportunidades e de que se lles abran diferentes abanos cara ao futuro”.

    Carmela Silva: “Non é só que democraticemos o teatro, para que poida chegar a todos os concellos, especialmente os pequenos, senón que tamén apoiamos ás compañías teatrais que tan mal o pasaron”

    O orzamento do programa ascende a 80.000 euros, aínda que a presidenta avanzou que se reforzará esta cantidade en vindeiras edicións “porque cremos profundamente na importancia de investir en cultura”. Carmela Silva lembrou así mesmo que esta programación é un paso máis trala pandemia despois da aposta on line do pasado ano con “Prendendo butacas na casa”, con sesións teatrais en streaming que se proxectaron desde a web da Deputación durante 24 horas. “Como este ano podemos facer actividades presenciais, apostamos por levar o teatro a todos estes concellos –explicou-. Non é só o valor do teatro e de que estea presente nas nosas vidas, que o democraticemos para que poida chegar a todos os lugares, senón que tamén apoiamos ás compañías de teatro que tan mal o pasaron porque a xente da cultura ten o dereito e a necesidade de ter recursos económicos para vivir”.

    A programación

    Trala función do 22 de setembro no Centro Príncipe Felipe, onde Malasombra escenificará “Os fabulosos cleaners”, en setembro haberá outras dúas representacións, en Salvaterra (día 25), onde Tanxarina ofrecerá “Titiricircus” e en Forcarei (26), onde Xarope Tulú porá en escena “Rilla Rilla”.

    En outubro desenvolveranse 15 funcións, que comezarán o día 2 en Campo Lameiro, con Expresión Producións, que representará “Os Limpa Limpa”. Continuarán o día 3 en Baiona, onde A Panadaría protagonizará a obra “Elisa e Marcela” e o día 10 en Barro e Meaño, con Nº1 Teatro, Circo e Danza e a obra “Circanelo” e Migallas Teatro con “Camiño de historias”, respectivamente. O día12 o programa chega a Pazos de Borbén, con Roto e Descosida e a súa función “Ciencia que alimenta”; o 15 a Poio, con ButacaZero e “Velliñas”; o 17 a Soutomaior, onde A Tropa de Trapo presentará “Catro monos” e o día 22 ao Grove, con Raquel Queizás e “Cinema e historias da man de Alice Guy”. O día 23 haberá dúas funcións, en Nigrán, con Fulano, Mengano e Citano e o seu “Top Manta” e en Tomiño, con Teatro da Ramboia e “O meu mundo non é deste reino”. Tamén haberá outras dúas funcións o 24, concretamente en Mondariz, con Animar-t Teatro e “Laia, aprendiz de maga”, e en Mos, con Stephanie_De ste Xeito que escenificará “Feminíssimas”. En Portas o día 29 Viravolta Títeres leva “Barriga verde” no CPI Domingo Fontán e o día 31 Caldas acollerá a función de Amorodio Teatro titulada “Reino de extinción”, mentres que en Moaña a compañía Pérez y Fernández representará “Os nenos da varíola” no IES As Barxas (para alumnado).

    Xa en novembro haberá 10 funcións, o día 6 en Cerdedo-Cotobade, onde Que 2 escenificará “Cachos desqueches”; e en Sanxenxo, con Baobab Teatro e a súa obra “Mai Mai”. Ao día seguinte Cambados acollerá a actuación de Ibuprofeno Teatro con “O Furancho”, mentres que o día 13 haberá sesións, en Bueu con Teatro de Ningures e a obra “O Grocho”; e en Catoira, con Bandullo Azul e “Mestre ma non troppo”. O día 14 chega a Meis, con O Baúl da Tía Tola e a representación de“Lixo”; o día 19 ao concello da Guarda, con Artesacía e “Illas desertas”; o 21 na Cañiza Teatro Avento Producións representará “Umm… Unha comedia musical para chupar os dedos”; o día 22 o concello das Neves acollerá a función de Isabel Risco titulada “Bravas” e o día 25 en Silleda estará Redrum Teatro con “#2 Pilgrims”.

    As restantes oito funcións desenvolveranse en decembro, e comezarán o día 4 en Arbo, coa participación de Culturactiva Producións, que porá en escena “Saabor” e en Moraña, onde Olivas Negras representará “12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva”. Ao día seguinte o programa chegará a Gondomar, con Barafunda Teatro e a obra “Bambolina/Pinga a pinga”, mentres que o día 10 Rodeiro acollerá a representación da compañía A Xanela do Maxín titulada “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza”. O día 17 haberá dúas sesións, en Mondariz-Balneario estará Teatro Kepler con “Rosalía unha vida”, e en Vilaboa Fantoches Baj con “Os golfiños e o xigante” ás 19h na Casa da Cultura. O día 18 Vila de Cruces acollerá a actuación de A Síndrome, con “A síndrome de Lis” e, por último, o día 19 remata no Rosal, coa participación de Arte Pingüe Teatro, que escenificará “Mentiras e verdades”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.