10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación abre o prazo de inscrición da quinta ruta ornitolóxica "Voando...

    A Deputación abre o prazo de inscrición da quinta ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”

    A Serra do Suído, nos concellos da Lama, Fornelos e Covelo, será o escenario desta nova camiñada guiada e gratuíta que se desenvolverá o 6 de setembro

    A Deputación de Pontevedra abriu este venres o prazo de inscrición para a quinta das rutas ornitolóxicas programadas dentro da terceira edición da iniciativa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. Esta última ruta  permitirá ás persoas que asistan coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística da Serra do Suído, nos concellos da Lama, Fornelos e Covelo. Ofértanse 15 prazas para a excursión guiada de carácter gratuíto que terá lugar o próximo domingo 6 de setembro. A inscrición debe facerse por vía electrónica na páxina web da Deputación (https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas).

    A Serra do Suído é un sistema montañoso con alto valor ecolóxico, famoso pola presenza de exemplares de lobo ibérico e de aves rapaces. Os seus espazos son ideais para que grandes aves rapaces, coma o voitre leonado, a aguia calzada ou o miñato, os sobrevoen nos meses de primavera e verán. Amais, sobre as pendentes de monte baixo tamén poderán contemplar o voo da tartaña cincenta e a gatafornela. A Serra caracterízase polos altiplanos nos que abunda o monte baixo de queirogas, toxos e carqueixas. As partes baixas teñen fermosos vales e cursos de auga que discorren entre bosques autóctonos ben conservados.

    Esta é a derradeira das rutas programadas nesta edición de “Voando nas Rías Baixas”, que neste 2020 pasou pola Enseada de San Simón, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, o Esteiro do río Miño e as Brañas de Xestoso. O programa está enmarcado no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo para sensibilizar á poboación, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Con el, a Deputación de Pontevedra aposta pola promoción do turismo ornitolóxico, un turismo sostible e respectuoso co medio.

    Estas rutas están a realizarse seguindo protocolos de seguridade e hixiene para facer fronte á pandemia da covid-19. Deste xeito, foi reducido o aforo de 25 a 15 participantes e establécense normas que inclúen o distanciamento interpersoal ou a limpeza e hixiene.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.