O Concello de Nigrán mantén este sábado en Chandebrito a segunda edición do festival ‘Chan de Folk’, evento que consta do concerto de Roi Casal ‘Son Galego, Son Cubano’ (21:30 horas) e que nesta ocasión, ante o a nubosidade prevista e ao estar o chan enchoupado, troca a clásica observación posterior das perseidas por unha visita nocturna guidada ao gran petróglifo do Rabete, situado moi preto do lugar.
Chan de Folk conta un ano máis coa financiación da Deputación de Pontevedra a través de Musigal e coa colaboración da Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños ‘O Castro’.
A sesión posterior ao concerto non poderá estar adicada esta vez a contemplar as bágoas de San Lourenzo polas condicións atmosféricas e do terreo, pero en previsión de que o tempo mellore esta actividade foi posposta para o venres 16 de agosto e estará dirixida igualmente por guías da Agrupación Astronómica Coruñesa.

A cambio, os asistentes a ChandeFolk poderán coñecer despois do concerto (23:30 horas) o espectacular ‘petróglifo do Rabete’ situado a escasos metros do lugar. Os encargados desta visita guiada serán expertos de Árbore Arqueoloxía, que levarán réplicas de diferentes petróglifos para realizar un obradoiro.
Esta será a ocasión tamén na que o Concello estree as recén adquiridas mochilas vibratorias para que as persoas xordas sintan a música, tendo xa numerosas solicitudes. Co obxectivo de que as poidan experimentar o maior número de persoas posibles e, tendo en conta que é a primeira vez que se empregan en Galicia, distribuirase o tempo de uso entre tódalas solicitudes.
Os interesados en acudir ao festival, de non coñecer o lugar, poden presentarse ás 20:30 horas no Concello de Nigrán en vehículo propio (o campo de fútbol Chandebrito funcionará como aparcadoiro, xa que está pegado á carballeira onde se celebrará o concerto e posterior visita ao petróglifo). Haberá cantina con venda de bebidas e chouripáns.

“
‘Son galego, Son cubano’ é considerada unha fermosa homenaxe a Neira Vilas e á emigración galega en Cuba, onde o escritor residiu 31 anos da súa vida
‘Son galego, Son cubano’ foi presentado no Gran Teatro da Habana no mes de Maio de 2016 con dous memorables concertos. Trátase dun show inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de ámbolos dous paises, que foi visto en directo por máis de 100.000 espectadores dende a súa posta en escena en Cuba. Roi Casal traballou conxuntamente neste espectáculo con Neira Vilas ate o falecemento deste último en novembro de 2015.
A xira é considerada unha fermosa homenaxe ao propio escritor e á emigración galega en Cuba, onde residiu 31 anos da súa vida para deixar rexistrada en varias das suas obras a incrible epopea dos galegos na illa caribeña.