8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán será esta fin de semana a capital do teatro afeccionado do...

    Nigrán será esta fin de semana a capital do teatro afeccionado do Noroeste peninsular

    O Concello deNigrán continúa enchendo de teatro a súa programación cultural converténdose desde este venres 17 e ata o domingo 19 na capital do teatro afeccionado de todo o Noroeste peninsular. Se xuño comezou cunha estrea e unha gala a cargo do grupo local Teatro do Ar, agora o Concello acolle por vez primeira o festival da Plataforma Transfroiteiriza de Teatro Amador ‘Platta’ con grupos de Galicia, Portugal e Castela e León. Ademais de representacións a cargo das respectivas compañías destes tres territorios, o evento incluirá o domingo ás 12:00 horas unha lectura dramatizada en tres idiomas de ‘Los dulces años de la guerra’, de Luisa Villalta, un reto onde o elenco de actores e actrices trocará a súa lingua nai por galego, castelán ou portugués. Todo será no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar o aforro.

    “Este ano asinamos un convenio con Fegatea por 7.000 € que nos permite ofrecer unha programación estable de teatro de calidade e, ao mesmo tempo, apoiamos ás compañías que, precisamente, máis recursos económicos precisan para subsistir. Agora estamos felices de acoller este festival que ademais de apostar pola divulgación fomenta o intercambio de experiencias entre diferentes comunidades “, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen destaca a “boa acollida” que ten entre a veciñanza o teatro, enchendo en cada función o Auditorio Municipal.

    O festival arrancará o venres 17 ás 21:30 horas co grupo galego ‘Escoitade Teatro’ (Vigo) representando ‘Dominó Celeste ou Que vai ser de ti Ernesto?’. A histórica compañía celebra así os seus 50 anos subíndose aos escenarios. Que acontece cando es levado a un lugar para curarte? Por que non o entendes? Que atopas cando nada hai ao teu arredor? Por que o cerebro te leva por carreiros tan retortos? Quen provoca estes desvaríos?… Observa, entón, toda unha vida perfilada con lembranzas cando se rachan as ligazóns neuronais.

    O sábado 18 ás 21:30 horas será a quenda da compañía de Castela e León Tramando Teatro, que representará ‘0,7% Molotov’, peza do autor galego Santiago Cortegoso e cunha montaxe de carácter social e político, que trata o tema da cooperación ao desenvolvemento.

    O domingo 19 de Xuño, como colofón final, ás 12:00 horas haberá unha lectura dramatizada nos tres idiomas (galego, castelán e portugués) da obra ‘Los dulces años de la guerra’, da poetisa coruñesa Luisa Villalta, coa particularidade e dificultade engadida de que ninguén do elenco de actores e actrices o fará na súa lingua nai. Finalmente, o grupo portugués Nova Comedia Bracarense porá o punto final ás 18:00 horas con ‘O aniversario do Casamento’. Entre sorpresas, aventuras, anécdotas e conversas de carácter cultural, a historia desenvólvese a ritmo trepidante nun ambiente despreocupado.

    PLATTA está formada pola Federación galega de teatro afeccionado, Federación de grupos afeccionados de teatro de Castela e León, Centro dramático de Viana (Portugal) e Erregueté Revista galega de teatro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.