Luns, 28 Abril de 2025

Nigrán estrea este mércores na Foz o seu novo festival para a rapazada ‘Parrulas Fest’

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación de verán ‘Equilibrio Natural’, estrea este mércores 12 de agosto na Foz o seu primeiro festival para miudos ‘Parrulas Fest’, a cargo de ‘Charlatana Cooperativa Galega de Artistas’. Deste xeito, no mesmo escenario do Nigranjazz, terán lugar desde o día 12 ao sábado 15 dúas funcións diarias ás 20:00 e 21:30 horas con espectáculos como malabares, maxia, clown, música… Peter Punk, Asacocirco, Pau Segalés, Brais Das Hortas, Mago Paco e Pajarito serán os protagonistas.

“É un festival que ven para quedarse, foi proposto polo noso veciño Isaac Rodríguez, coñecido como Peter Punk, e nos pareceu moi acertado facelo tendo en conta, ademais, que os nenos non asisten ao cole desde marzo e que eles sufriron o confinamento máis duro, polo que é máis preciso que nunca ofrecerlles alternativas culturais de ocio de calidade”, considera o alcalde, Juan González.

Peter Punk, co seu clásico ‘Chungo que te Cagas’, abrirá o Parrulas Fest o mércores ás 20:00 horas, un show no que queda patente a súa personalidade irreverente e divertida ao tempo que amosa as súas destrezas con elementos como o plato chinés, bolas, látego, lume… A continuación, ás 21:30 horas, será o turno de Asacocirco co seu espectáculo de malabares, manipulación, pirofaxia, humor ‘Circo de lume’. Ao día seguinte, o catalán Pau Segalés dará vida en ‘Abre os ollos’ ao seu número de maxia, humor, misterio, interaccións e ilusións con obxectos. O día rematará co concerto punk infantil de Peter Punk e Brais das Hortas. Xa o venres, Brais das Hortas con ‘Zona en obras’ transmitirá o seu ritmo musical e Cirkompacto dará vida aos dous pobres diaños de ‘Hell Brothers’. O sábado 15 o ‘Parrulas Fest’ chegará ao final coa maxia e diversión do Mago Paco no seu show ‘Hocus Pocus’ e o espectáculo de clown e escapismo de Pajarito con ‘A vida tola’.