Mércores, 11 Decembro de 2024

Nigrán convoca un novo concurso de carteis ‘Nigranjazz-Quin Alborés elevando o premio aos 700 euros

O festival celebra a súa maioría de idade cun aumento dun 40 % da dotación económica para o cartaz gañador. O prazo para a presentación de propostas remata o martes 30 de Abril, 'Día Internacional do Jazz'

O Concello de Nigrán convoca un ano máis o xa tradicional concurso de carteis ‘Quin Alborés-Nigranjazz’, aumentando a 700 euros o premio a proposta gañadora para festexar así a maioría de idade do festival (desde a súa orixe o premio foi sempre 500 €). O certame ten como obxectivo difundir a imaxe do Nigranjazz 2024 na súa XVIII edición e o prazo de presentación de propostas remata o 30 de Abril (Día Internacional do Jazz).

O certame rende homenaxe desde o ano 2010 ao falecido artista nigranés Quin Alborés, gran amante do xénero e quen impulsou o evento desde o seu comezo deseñando os tres primeiros carteis. As bases  completas poden consultarse na web do Concello www.nigran.es ou na propia Casa Consistorial. 

​Como en cada edición, o concurso está aberto a persoas físicas maiores de 18 anos, podendo presentar cada unha delas (individualmente) un máximo de dúas obras, coa condición indispensable de ser inéditas e cunha estética relativa ao mundo do jazz. Os orixinais realizaranse en formato vertical, en tamaño A2 (594 x 420 mm.) e deben ser anónimos de acordo co previsto nas propias bases, poidendo enviarse as propostas por correo electrónico, por Rexistro ou Correos, seguindo as indicacións facilitadas na convocatoria.

​“O Concello de Nigrán mantén unha vinculación estreita co mundo do jazz a través da súa programación cultural e estamos moi orgullosos de unir con este certame música e deseño baixo o paraugas do jazz, por iso consideramos que era hora de subir a contía do premio para seguir contanto con participación de alto nivel”, explica o alcalde, Juan González.