Sábado, 18 Xaneiro de 2025

Festa de peche de tempara para os ‘babys’ do CB Nigrán

O equipo ‘Baby’ do Club Baloncesto Nigrán pechou a tempara 2020/2021 participando na III Concentración que se desenvolveu onte sábado nas instalacións do Pavillón de Deportes de Panxón. Foi algo máis de hora e media para gozar de partidos nos que o Apóstol 1, Apóstol 2, Salesianos Verde, Salesianos Negro e o club anfitrión, saltaban á cancha de maneira simultánea para xogar en dous campos cun sistema áxil e entretido para o público e xogadores: ao rematar cada partido, rotábase de pista para xogar contra outro rival e así ata rematar a xornada matutina.

Como xa é habitual, todos os encontros foron arbitrados por xogadores e xogadoras das categorías de formación do CB Nigrán que tamén encargábanse das labores de cronometraxe.

O pavillón volvía a recuperar as boas sensacións de tempadas anteriores coas familias animando nas gradas e aplaudindo cada canasta e cada xogada. Recupera o CB Nigrán o espírito do baloncesto no seu estado máis puro, que nunca desapareceu, pero que por mor da pandemia estaba nun estado de letargo.

Foi, recoñece o Club, “unha mañá intensa e chea de emocións, de compañeirismo, de respecto e de convivencia”. Deixaba a xornada un sabor agridoce coa tristura de pechar unha tempada pero coa ledicia e a esperanza de pavillóns cheos de público e baloncesto para a vindeira tempada 2021/2022.