Domingo, 16 Febreiro de 2025

Estudantado e veciñanza de Nigrán aprenderán como se busca vida no universo

As e os participantes realizarán diversos experimentos para coñecer como traballan os investigadores do Centro de Astrobioloxía (CSIC-INTA)

O Centro de Astrobioloxía (CAB), instituto mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), visitará a próxima semana Nigrán para explicar como evoluciona ou se adapta a vida en condicións extremas. Os días 14 e 15 de xaneiro celebrarase o taller ‘Buscando vida no universo’, que pretende dar a coñecer a actividade científica que se realiza nas instalacións do CAB e nos variados escenarios aos que acoden para facer o seu traballo de campo (río Tinto, Antártida, deserto de Atacama).

Esta actividade, dirixida a estudantes e a veciños da localidade, visitará o IES Val Miñor e o Concello de Nigrán o martes 14 e o mércores, 15 de xaneiro. Realizaranse varias sesións do taller pola mañá no centro educativo dirixida aos estudantes, de 9:20 h a 13:25 horas, e pola tarde, de 19:30 h a 20:30 horas, no Salón de Plenos, para público xeral.

Coas luvas postas, os participantes serán protagonistas por uns minutos dos experimentos que conducen ao estudo da orixe da vida. Así, os asistentes poderán observar, entre outros fenómenos, como se forman os cráteres de impacto e farán unha extracción de ADN, tal e como se realiza nos laboratorios de bioloxía e química.

Ademais do taller, o mércores 15 de xaneiro, Juan Anxo Vaquerizo, investigador do Centro de Astrobiología, impartirá chárlaa «Ciencia ‘Fricción’: algo renxe na pantalla» co fin de desvelar canto hai de verdade e de ficción no que contan as películas. “A miña intención é espertar o asesor científico que todos levamos dentro. Ao fío dunha selección de fragmentos de películas de ciencia ficción, distinguiremos os conceptos tratados con rigor e o mero espectáculo, despexaremos dúbidas e corrixiremos os erros científicos detectados”, explica Vaquerizo. A conferencia celebrarase no Salón de Plenos do Concello de Nigrán, ás 19:30 horas.

Ciudad Ciencia (www.ciudadciencia.es) é un proxecto de divulgación científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ( FECYT) coa colaboración de concellos de toda España cuxo fin é que a cidadanía coñeza de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. Ciudad Ciencia desenvólvese desde 2012 en máis de 45 localidades españolas.