Luns, 9 Decembro de 2024

A gaiteira galega Susana Seivane estará o 14 de agosto no Chandefolk

O Concello de Nigrán consagra este ano o festival Chandefolk a Susana Seivane, ilustre gaiteira galega e auténtica lenda viva deste instrumento. A cita será o luns 14 de agosto ás 22:00 horas en Chandebrito (merendeiro de Chans de Rapadouro, ao carón do campo de fútbol) pero o festival Chandefolk arranca xa este martes día 8 de agosto cunha observación das perseidas guiada por un experto do Centro Astronómico de Trevinca desde as 22:00 horas no ‘Bosque da Memoria’ (explanada do Castro de Chandebrito, zona libre de contaminación lumínica) e, como novidade, continúa o xoves 10 de Agosto ás 21:30 horas cunha ruta nocturna polos petróglifos da parroquia (a que máis gravados presenta de Nigrán) a cargo de Árbore Arqueoloxía (parte desde o Colexio Estudio). Todas as actividades son gratuítas e abertas á participación de veciñanza e visitantes, que tan só deben acudir ao lugar na hora indicada. Ademais, o concerto  terá as mochilas vibratorias do Concello a disposición de toda aquela persoa xorda que as solicite a través do mail [email protected] ou no WhatsApp 690679675.

No Chandefolk colabora de xeito activo a Asociación de Veciños, Comisión de Festas e Comunidade de Montes da parroquia e, a maiores, o concerto de Susana Seivane forma parte do programa Musigal da Deputación de Pontevedra de promoción e difusión de música galega. No recinto do concerto os veciños disporán de barra de bebidas con chouripáns á venda.

“A presencia de Susana Seivane consagra definitivamente ao Chandefolk como un dos mellores festivais de folk de Galicia, estamos falando dunha das grandes estrelas da música galega que se suma aos protagonistas das anteriores edicións: Xulio Lorenzo, Roi Casal, Milladoiro, Budiño e Xavier Díaz”, explica o alcalde, Juan González, quen indica que Chandefolk naceu para promover Chandebrito como unha das parroquias con máis atractivos de Nigrán, “por iso o festival non se limita a un concerto e inclúe outras actividades”.

Susana estará acompañada no escenario por un elenco de músicos de talento, Miguel González ao saxo; Rubén Deschamps á guitarra e mandolina; Carlos Freire á batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez ao baixo eléctrico. Con eles consegue un espectáculo gran fresco, dinámico e orixinal que mantén a diversión do público dende os primeiros compases ata o último bis porque xuntos conquiren unha mestura áxil e moderna que afonda a súa raizame no máis profundo da tradición galega, deixando arrolar a súa ramaxe nos ventos dos novos tempos.

Susana Seivane

Naceu en Barcelona en 1976 no seo da familia Seivane, un dos apelidos con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia. Comezou a súa andaina musical s anos de idade ao 3 da man do seu pai, Álvaro Seivane. Aos 9, trasládase, xunto coa súa familia, a Cambre (A Coruña). Xa en Galicia, entra en contacto con mestres ci gaiteiros da talla de Ricardo Portela ou Moxenas que, xunto co seu propio avó , Xosé Manuel Seivane, influenciarían grandemente o seu xeito de entender e interpretar a música tradicional galega. Aos 10 anos xa daba concertos por todos os recunchos do país e durante a súa adolescencia cursou estudos de solfexo e piano e formou parte de diferentes agrupacións musicais tradicionais. Aos 20 anos toma contacto cos escenarios da man do grupo Milladoiro como artista invitada. A partir deste momento comeza a súa andaina como solista creando un estilo xenuíno que, lonxe de perder de vista o aire enxebre dos antigos gaiteiros, ábreo ás influencias doutras músicas. Consegue, deste xeito, un enfoque fresco e orixinal.