18.5 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránA cultura mexicana chega á Escola Municipal de Cerámica de Nigrán

    A cultura mexicana chega á Escola Municipal de Cerámica de Nigrán

    Nigrán bebe esta semana da mellor tradición mexicana. Catro mestres oleiros e das artes plásticas chegados ex-profeso desde diferentes puntos do país azteca protagonizan o ‘IV Encontro Internacional’ organizado polo Concello de Nigrán a través da Escola Municipal de Cerámica. Alumnado de toda Galicia, algúns deles ceramistas profesionais, aprenden as súas técnicas desde onte e ata o venres nos diferentes obradoiros que se desenvolven no CEE de Panxón. Adicionalmente, e xa aberto a calquera público interesado, os mestres mexicanos ofrecen desde este luns e ata o xoves charlas gratuítas no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. Este é o cuarto encontro internacional que promove o Concello nos 40 anos de vida da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán (a máis antiga de Galicia) sendo en anteriores edicións Xapón, India e os países periféricos de España os protagonistas.

    “Temos unha xoia a nivel peninsular, tanto pola súa antigüidade como polas experiencias que ofrece. Esta é unha oportunidade única para compartir coñecementos e, como Concello, estamos moi orgullosos de organizalo”, subliñou o alcalde, Juan González, na inauguración esta mañá do encontro, que arrancou coa tradición maya de queimar copal en sinal de bendición e agradecemento.

    Durante estes cinco días, xaguares xigantes de barro, bruñidos cerámicos impresionantes, ou métodos de coccións a ceo aberto son os protagonistas dos obradoiros de barro; a estes se lle suman outros dous de artes plásticas propias de México como son os xoguetes tradicionais ou os alebrijes de papel. Son en total 4 talleres dirixidos por cadanseu mestre mexicano e que reúnen ao alumnado interesado que previamente se matriculou.

    “México mantén practicamente intacta unha cultura milenaria de gran riqueza que nos achega ao máis ancestral e primario do mundo da cerámica, por iso consideramos moi enriquecedor traer aos mellores mestres deste país, que nos amosarán aspectos tan descoñecidos aquí como as coccións prehispánicas, sumando, coma sempre, obradoiros de artes plásticas orixinais deste país, como o de álebrijes’ ou de xoguetes ”, explica Emilia Guimeráns, directora da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán e quen contactou cos catro artistas invitados a través da Escuela Nacional de Cerámica de Guadalajara (México).

    Mestres e charlas

    Alejandro Camacho, Ciudad de México: Alebrijes zoomorfismo fantástico

    Luns 17 de Xullo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Cartonería tradicional. A realización destes inusuais seres, forma parte da identidade colectiva mexicana desde 1936. Descubriranse os segredos da fabricación destas delirantes criaturas.

    Juana Gómez, Amatenango: “A arxila como expresión escultórica para os mayas”

    Martes 18 de Xullo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Pobo de orixe maya dos Altos de Chiapas, Amatenango del Valle é coñecido como a capital chiapaneca da olería debido a que máis da metade da súa poboación dedícase a esta actividade reservada ás mulleres quen van aprendendo a traballar o barro desde os 10 anos. Juana Gómez, recoñecida pola calidade das súas esculturas e do seu trazo pictórico, ensinará técnicas propias de Amatenango (coccións prehispánicas, procesos decorativos…) desenvolvendo o obradoiro sobre a iconografía do xaguar, animal sagrado na súa cultura.

    Tomás Esparza, Jalisco: El trazo Ancestral

    Mércores 19 de Xullo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Profundizarase no mestizo e o prehispánico, onde o trazo ancestral fúndese co imaxinario persoal, tendo o bruñido como ingrediente esencial.

    Miriam Salgado, Xochimilco: El juguete del pasado al presente

    Xoves 20 de Xullo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Xoguetería. Partindo de materiais como madeiras, teas, cartón ou obxectos reciclados. ‘La Lula juguetes’ mostrará como estes obxectos e materiais cobran vida dentro dun mundo de imaxinación e fantasía.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.