Sábado, 25 Xaneiro de 2025

O Concello de Baiona inicia os traballos de recuperación dos lavadoiros do municipio

Estreitamente vinculados 'á cultura da auga' o paso do tempo desvinculou estes lugares do seu cometido inicial para pasar a converterse nun elemento patrimonial a coidar e conservar

O Concello de Baiona iniciou nestes pasados días os traballos de limpeza, mellora e rehabilitación dos lavadoiros públicos co fin de poñelos en valor e darlles a importancia que teñen como elemento patrimonial de toda a veciñanza.

Os traballos comezáronse na parroquia de Baíña onde nestes días rematouse coa mellora e recuperación do lavadoiro do Burgo, que foi sometido a unha limpeza a fondo, selado de xuntas para evitar perdas de auga, pintado e rozado de toda a contorna.

Unha vez rematada a mellora e recuperación do lavadoiro do Burgo, seguirase co de Fontes, tamén na parroquia de Baíña para, posteriormente mellorar todos e cada un dos existentes no municipio.

Tanto o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, coma o concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, subliñaron a importancia de recuperar estes lavadoiros “que co paso do tempo e logo de perder o seu obxectivo inicial, son agora elementos patrimoniais de primeira orde que é necesario protexer e conservar”.

Nese sentido Carlos Gómez lembrou que Baiona “é un municipio que conta con innumerables recursos históricos, culturais e patrimoniais que non poden ser tratados de xeito independente xa que, todos eles, son parte inseparable da propia da nosa historia”. Recuperar os lavadoiros, conclúe o rexedor local, “e dar un paso máis na conservación das nosas costumes e da nosa historia máis próxima, a historia cotiá”, finaliza o rexedor local.