O Concello de Baiona homenaxeou onte venres ao Instituto de Estudos Miñoranos coa entrega da ‘Medalla de Ouro’, distinción coa que se quere recoñecer a traxectoria do IEM a favor da cultura do Val Miñor e que foi acordada por unanimidade pola Comisión de Honras e Distincións do Concello que preside Carlos Gómez.
A praza do Concello de Baiona acolleu o acto de entrega do máximo galardón que pode outorgar a Corporación Municipal, nun evento no que estiveron presentes representantes, exrepresentantes e integrantes do Instituto de Estudos Miñoranos e a Corporación Municipal.
Xosé Lois Vilar, vicedirector do IEM, expuxo no seu discurso a longa traxectoria da entidade. Mentres que o discurso do Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, centrouse no agradecemento ao Instituto polo seu gran labor cultural. A ‘Medalla de Ouro’ foi recollida polos exdirectores do IEM Carlos Méixome Quinteiro e Xulián Maure. Á foto de familia sumáronse os vicedirectores actuais da entidade, Xosé Lois Vilar, Xilberte Manso e Antonio Soliño.

“O traballo constante, voluntario e desinteresado de membros e colaboradores do Instituto de Estudos Miñoranos foi e é, a clave de que o proxecto, siga na vangarda da divulgación cultural en Baiona e no resto dos municipios do Val Miñor”, salientou o alcalde de Baiona, Carlos Gómez na súa intervención ao que engadiu que “Baiona tiña unha conta pendente con esta institución por iso é de xustiza que reciban a Medalla de Ouro do noso Concello, a máxima distinción local”.
Trátase do primeiro recoñecemento público oficial ao labor altruísta dos membros do IEM “que ao longo de todos estes anos conseguiu transformar, coa colaboración das institucións como o Concello de Baiona, o panorama cultural da nosa Vila mediante un amplo abanico de actividades
de divulgación relacionadas co patrimonio natural, etnográfico, histórico, artístico, arquitectónico ou, mesmo, lingüístico. Salvagardou e promocionou a nosa identidade, o noso idioma e a nosa cultura, entendendo a realidade miñorana e por tanto a baionesa en como integrada no ámbito xeral da sociedade galega. Tamén é importante destacar a achega dunha gran variedade de Publicacións ao Patrimonio Bibliográfico Baionés. Un labor deste Instituto que, non sendo oficial, ten desenvolto a expresión independente emanada da sociedade miñorana, en xeral e a Baionesa en particular, conseguindo con fartura todos estes postulados mencionados”, sinalou Gómez no seu discurso.

O Instituto de Estudos Miñoranos leva máis de dúas décadas, o próximo 27 de outubro cúmprense vinte e un anos da súa constitución, dedicado á divulgación da cultura nas súas máis diversas expresións, vinte e un anos de esforzo altruísta posto en común por un bo número de persoas movidas polo único interese de fomentar o coñecemento do patrimonio e a historia da comarca e na Vila de Baiona.
O esforzo destas persoas, profesionais de diversos ámbitos, permitiu ao IEM manter unha programación cultural estable e un ritmo de traballo constante na procura de novos estímulos culturais para os baioneses e baionesas e para o resto de miñoranos..
O IEM constituíuse formalmente como asociación en 1999 co obxectivo de fomentar o coñecemento, conservación e respecto polo patrimonio miñorano, no cal se inclúe o baionés, en diferentes disciplinas coa finalidade de destacar o seu valor como ben económico e cultural. Cabe destacar ademais, a colaboración que mantivo desde a súa fundación que o Concello iento de Baiona.

Entre as moitas actividades que veu desenvolvendo a entidade ao longo dos anos en Baiona atópanse as xa tradicionais ‘Xeiras’ do IEM que son unha cita marca en vermello no calendario cultural da Vila: visitas guiadas a distintos lugares de interese histórico, artístico, natural e paisaxístico de Baiona, como as visitas guiadas á aldea medieval de San Cosme, na parroquia
de Baíña; as visitas guiadas pola Fortaleza de Monte Real; os distintos roteiros culturais guiados; os roteiros marítimos pola baía e un longo etcétera de actividades.
Mención á parte merecen as diferentes xornadas que dedica á divulgación do patrimonio e á cultura da Real Villa así como os esforzos dedicados á reivindicación da memoria histórica
como as homenaxes aos nove veciños da comarca fusilados en outubro de 1936 na coñecida como Volve dos Nove en Baredo.