Luns, 9 Decembro de 2024

Baiona pon en marcha un novo servizo de recollida de obxectos voluminosos

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente e a empresa adxudicataria de recollida selectiva de residuos e xestión do Punto Limpo, vén de poñer en marcha un novo servizo gratuíto de recollida de obxectos voluminosos e de restos vexetais de xardinería doméstica, unha iniciativacoa que se busca acadar unha localidade máis limpa e saudable.

A partir de agora, usuarias e usuarios poderán concertar unha cita por medio do teléfono gratuíto 900 101 925, para que o servizo recolla eses obxectos domésticos que se queiran reciclar. O teléfono será atendido de 10:00 a 13:00 e fóra desas horas poderase deixar unha mensaxe no contestador ao que, segundo a Concellería de Medio Ambiente “darase resposta o máis axiña posible”.

A través deste servizo os cidadáns poden solicitar a retirada, entre outros, de mobles, trastes, electrodomésticos de gran tamaño, así como distintos aveños voluminosos. Para iso, os veciños e veciñas deben chamar ao teléfono gratuíto do servizo, no que se toman os datos do punto de recollida e explícaselles en que franxa horaria deben depositar os residuos para a súa posterior retirada polo persoal do servizo.

Con este servizo preténdese facilitar aos cidadáns unha adecuada xestión de certos residuos que, polo seu tamaño e características, non poden depositarse co resto de residuos domésticos e tampouco poden entregarse no punto limpo municipal situado en Baíña.

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Domínguez Roda, destacou que “a colaboración cidadá é fundamental para o bo funcionamento deste servizo, xa que é imprescindible coñecer en que puntos van deixar os restos de voluminosos para incluílos no roteiro de recollida”.

Por iso o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, solicita “a colaboración veciñal para evitar o abandono de residuos na contorna dos contedores”. O rexedor local pide “evitar estas situacións, xa que este tipo de depósitos na vía pública só conseguen aumentar a contaminación no municipio e empeorar o aspecto das nosas rúas”.

Carlos Gómez fai ese chamamento “ao civismo da cidadanía” logo de comprobar como, tanto no centro da vila coma nas zonas rurais, tense producido un incremento de puntos onde se depositan residuos voluminosos, como mobles ou electrodomésticos.

Para a atención ao cidadán do novo servizo gratuíto posto en marcha cóntase co teléfono gratuíto 900 101 925 e coa páxina web municipal www.baiona.gal, na que os usuarios poidan ampliar a información sobre os diferentes servizos.

O Concello de Baiona puxo xa en marcha unha campaña para dar a coñecer o novo servizo e distribuíronse folletos informativos polos buzóns das vivendas. Tamén colocáronse carteis informativos en distintos puntos do municipio para lembrar a prohibición de depositar calquera tipo de enser fóra dos contedores sen avisar previamente ao novo servio.