12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaBaiona pon en marcha un dispositivo de axuda ás persoas e colectivos...

    Baiona pon en marcha un dispositivo de axuda ás persoas e colectivos máis vulnerables

    O servizo, prestado por voluntarios e voluntarias de Protección Civil e coordinada polos Servizos Sociais do Concello, cubrirá as necesidades das persoas en risco de exclusión social e das persoas maiores que vivan soas

    O Concello de Baiona porá en marcha, a partir do mércores 25 de marzo, un dispositivo especial de asistencia “aos colectivos máis vulnerables”, tal e como deu a coñecer o alcalde Carlos Gómez quen, no anuncio desta iniciativa, estaba acompañado por Pedro Alonso, inspector xefe da Policía Local de Baiona e Iago Álvarez, do servizo de Protección Civil do Val Miñor.

    A posta en marcha desta iniciativa “coordinada polos Servizos Sociais do Concello”, tal e como explicaba o alcalde de Baiona, contará en principio coa participación de 12 voluntarios e voluntarias de Protección Civil do Val Miñor “aínda que de ser preciso –aclarou Carlos Gómez– podería ampliarse o número ata os 40 efectivos”. As persoas que precisen deste servizo deberán dirixirse ao teléfono 986 385 926.

    “En momentos dunha crise destas dimensións, as administracións temos a obriga de dar resposta ás necesidades básicas da cidadanía, especialmente daqueles colectivos e persoas en situación de especial vulnerabilidade”, insistiu o alcalde de Baiona. Nesa liña, o servizo tamén cubrirá ás necesidades de “persoas maiores que vivan soas e entren dentro dos parámetros de ‘persoas de risco’ e que polo tanto non deban saír da casa”.

    As medidas serán coordinadas polo recen creado Comité Municipal de Baiona COVID-19, do que forman parte o Goberno local, Policía Local e Protección Civil “porque –apuntou Carlos Gómez– deben estar sempre avaliadas polos profesionais nestes temas e seguindo as recomendacións dos profesionais e das autoridades sanitarias”.

    Carlos Gómez tamén deu conta da iniciativa municipal de creación dunha listaxe de voluntarios e voluntarias “para que poidan axudar neste programa que agora poñemos en marcha, pero sempre coordinados pola Concellería de Servizos Sociais, Protección Civil e Policía Local”. Insistiu o rexedor local que “non é o momento para iniciativas particulares ou individuais por moi ben intencionadas que estas sexan” xa que do que se trata “é de facer un exercicio de responsabilidade e só polo feito de quedarse na casa, cada veciña e cada veciño, xa é un heroe”.

    Ata o momento, o Concello de Baiona recibiu un total de 26 solicitudes para facer este servizo voluntario, entre as que hai persoas profesionais dos servizos sociais ou con formación sanitaria “persoas coas que o Concello se poñerá en contacto en breve e ás que quero expresarlle o meu agradecemento persoal e o de toda a cidadanía de Baiona pola súa solidariedade”, engadiu Gómez.

    Unha maioría responsable

    Pola súa banda, o inspector xefe da Policía Local de Baiona, Pedro Alonso, salientou “o alto grao de colaboración cidadá” que cumpre o estipulado no estado de alarma decretado polo Goberno de España. Alonso deu conta que a Policía local tramitou “un total de 15 denuncias por incumprimento do antedito estado de alarma e tramitáronse outros 300 requirimentos por non cumprir o estipulado no Real Decreto”.

    Ao traballo da Policía Local no contexto desta crise sanitaria engádese, sinalaba Pedro Alonso, “a actividade diaria que desenvolven as e os axentes” aínda que precisou que “prioritariamente estanse a atender situacións enmarcadas no contexto do estado de alarma”.

    O traballo “a pé de rúa” dá a Policía Local unha visión especial desta crise do COVID-19 e nese sentido, o inspector xefe sinalaba a importancia “dos traballos que se desenvolven na vixilancia e control dos espazos públicos para que a afluencia de persoas sexa o máis controlada posible”. Remataba Alonso asegurando que por parte da Policía Local de Baiona “en colaboración coas demais administracións temos articulado elementos de coordinación que garantan unha resposta eficaz ante os problemas que se poidan dar”.

    Protección Civil

    Iago Álvarez, de Protección Civil do Val Miñor, expresaba a importancia dunha iniciativa como a posta en marcha polo Concello de Baiona na que temos a responsabilidade, dixo, “de levar alimentos e produtos básicos ás persoas que teñan limitacións físicas o de saúde, ou que non poidan acceder aos supermercados”.

    Protección Civil ten activados, nestes momentos, un total de 30 voluntarios e voluntarias “e traballamos en estreita colaboración cos corpos e forzas de seguridade do estado no control da circulación” comprobando se se están a realizar actividades non contempladas no Real Decreto do estado de alarma “e dando conta á Policía Local ou Garda Civil”.

    Estas labores compaxínanse coas de visitas a persoas maiores que viven soas “para comprobar se están ben” e transmitir á cidadanía as instrución que dean as administracións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.