A Deputación de Pontevedra está a transformar Baiona con importantes investimentos en infraestruturas, mobilidade e equipamentos municipais para os que destina un orzamento de máis de 600.000 euros. Entre as actuacións destacan as obras de reposición de firme en todo o trazado da EP-2204 Sabarís-Belesar, cuxa execución inminente anunciaron hoxe o deputado provincial Gregorio Agís e a deputada Iria Lamas, nunha visita á localidade xunto ao concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.
Nesta obra de mellora da seguridade viaria, a Deputación inviste un orzamento de máis de 540.000 euros. Trátase dunha actuación transformadora e “moi importante para Baiona”, como destacou o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, que subliñou que esta actuación tiña sido demandada desde o Concello, “co que existe unha colaboración continua”. Afirmou que a obra “suporá unha mellora da seguridade tanto para o tráfico rodado como para os peóns, de acordo cos criterios de mobilidade amable adoptados por esta Deputación dende o ano 2015”. Agís anunciou que a institución provincial seguirá a colaborar “man a man co Concello de Baiona para facer posible obras como esta”.
Os traballos de reposición do firme desenvolveranse ao longo dos 6,3 quilómetros desta estrada, na que tamén se instalarán catro redutores de velocidade para o acougado do tráfico e na que se renovará a sinalización horizontal e vertical. A obra está xa en proceso de licitación por parte da Deputación e as empresas teñen de prazo ata o 10 de febreiro para presentar as súas ofertas. Ao longo deste mes de xaneiro, explicou, a Deputación está a licitar actuacións en seis estradas provinciais e esta de Baiona era unha das máis demandadas.