Mércores, 6 Novembro de 2024

Redondela solicita a Augas de Galicia que realice o mantemento

O Concello de Redondela comezou este luns a limpeza das marxes do río Alvedosa no seu tramo máis urbano, é dicir, o comprendido entre a ‘Casa da Torre’ e o campo da Feira. A Concellería de Medio Ambiente dá resposta así a diversas solicitudes de veciños e veciñas que pedían a retirada da maleza. En todo caso, a limpeza do cauce do río “non se acometerá ata o outono, por recomendación tanto das técnicas do Concello coma de Augas de Galicia”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar.

Segundo Villar, as técnicas do Concello fixeron unha exploración visual da zona “e comprobaron que está habitada por crías de aves, maiormente patos. Para confirmar, consultamos a Augas de Galicia quen nos aconsellou esperar ó outono para facer a limpeza completa do cauce do río”, apuntou o concelleiro.

Actuacións tamén no Pexegueiro

Doutra badanda, tal e como explica o responsable de Medio Ambiente do Concello de Redondela, “nas pasadas semanas estivéronse realizando actuacións similares nas marxes do Río Pexegueiro, atendendo tamén diversas reclamacións veciñais”. A maiores, o Concello de Redondela dispón de permiso para retirar o lavadoiro de formigón instalado no cauce do río, á altura das instalacións da empresa madeireira situada na zona. Esta, que tamén é unha reclamación realizada pola veciñanza da zona, pódese realizar agora, unha vez Augas de Galicia deu o visto e prace ao permiso solicitado no seu momento polo goberno saínte.

Redondela propón un Plan Anual de Mantemento para os ríos para que se faga “dun xeito máis gradual, menos invasivo e, polo tanto, máis ecolóxico”

Mantemento en vez de actuacións invasivas

A Concellería de Medio Ambiente iniciou as negociacións con Augas de Galicia para dispor dun Plan Anual de Mantemento para os ríos do Concello “coa intención de que a limpeza dos ríos se desenvolva dun xeito máis gradual, menos invasivo e, polo tanto, máis ecolóxico”.

“Cada vez que se fai unha actuación nun río, hai que pedir permiso a Augas de Galicia. Ata o de agora o que se facía era deixar crecer a maleza máis alá do desexable para, posteriormente, realizar unha limpeza agresiva, mesmo utilizando maquinaria pesada. Nós apostamos por un mantemento permanente, con persoal propio do Concello, de xeito máis sostible e, a maiores, creemos que será mesmo máis económico para as arcas do Concello”, comenta Villar.