Dous meses despois de que o Concello de Redondela emitira a retención de crédito solicitada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), o Goberno local segue sen ter noticia algunha sobre a sinatura do convenio que permitiría reformar esta importante zona do casco urbano, acceso obrigado á zona escolar, conservatorio, piscina municipal, pavillón da Marisma e Centro de Saúde.
No mes de novembro, a Xunta remitía un escrito ao concello no que advertía con dar por extinguido dito convenio se no prazo de quince días o Concello non facía efectiva a retención de crédito que figuraba no primeiro borrador.
Nun escrito “que obrigaba ao Concello a admitir unha proposta de convenio que non se axusta totalmente á normativa vixente” a Axencia Galega de Infraestruturas facía caso omiso do informe emitido polos servizos xurídicos municipais no que se pedía a corrección de determinados aspectos relacionados coas achegas que tería que facer o Concello.
“Logo de ameazar claramente ao Concello e de alarmar innecesariamente á veciñanza –afirma con rotundidade a alcaldesa Digna Rivas– demóstrase claramente que o Concello tiña feitos os deberes e que, por contra, os que non o tiñan feito era a Axencia Galega de Infraestruturas e por ende a Xunta de Galicia”.
Nun escrito asinado pola alcaldesa Digna Rivas no mes de novembro, comunicábase á AXI o “claro e inequívoco interese do Concello en continuar coa tramitación da sinatura do convenio de colaboración” e se solicitaba á Axencia que remitira “a proposta definitiva coas porcentaxes e anualidades que resulten da mesma para poder remitir a conformidade e o compromiso de crédito”. Dous meses despois, o Concello segue ten ter noticia algunha nunha actitude que o Goberno local considera “como unha burla a toda a veciñanza de Redondela”.
Nese sentido, Digna Rivas subliña que “a cidadanía de Redondela merece un respecto e, como alcaldesa de todas e todos sen ningún tipo de distinción, que se engane a veciñanza e que se intente terxiversar a verdade, é algo que non vou a consentir”.
Rivas lamenta que o PP de Redondela “que insistentemente pedía ao Goberno local que cumprira coa súa parte do acordo, non amose agora o mesmo empeño e urxencia para pedirlles aos seus compañeiros de Santiago que cumpran coa cidadanía de Redondela”.
Espera o Goberno local que o atraso na remisión da proposta de convenio, “débase única e exclusivamente a criterios ou dificultades técnicas e non a cuestións de índole política, feito que suporía outra falta de respecto ás veciñas e veciños deste municipio”, remata a alcaldesa de Redondela.