Domingo, 16 Febreiro de 2025

Redondela mobilizase contra a instalación dun local de apostas

A Coordinadora contra a Casa de Apostas de Redondela convoca unha mobilización para este sábado ás 19 horas "contra un problema que afecta a toda a cidadanía"

A apertura dun local dun ‘Salón Recreativo e de Xogo’ en Redondela, –nome co que figura no expediente que obra no Concello– ou local de apostas como asegura a veciñanza, vén de xerar unha grande inquietude social. Inquietude que sube de tono ao ter en conta o lugar da súa ubicación, a Avenida Ernestina Otero, camiño obrigado cara a zona escolar, ás instalacións deportivas e as zonas de ocio da mocidade.

Na mañá de hoxe e na Casa da Cultura, Ana María González Soto, da ANPA do IES Mendiño; Damián Mo, un pai que participa a nivel particular, e Berto Covelo, do colectivo ‘ArteLixo’ eran a voz da Coordinadora contra a Casa de Apostas de Redondela á hora de anunciar a mobilización que terá lugar o vindeiro sábado, 27 de outubro ás 19 horas.

Dende que se coñeceu a noticia da apertura deste local, sinalaba Ana María González, desenvolven concentracións todos os luns e as fan “á saída dos nenos e nenas cos colexios para darlle unha mair visibilización a este problema que temos en Redondela”.

A maiores das mobilizacións semanais, a Coordinadora comezou a desenvolver un traballo de concicenciación en todos os aspectos, dende o social con recollida de firmas e información sobre o problema que supuña a apertura dun local destas características, ata o institucional presentando no Pleno da Corporación unha moción para conseguir o apoio do Concello “moción que todos os partidos aprobaron por unanimidade”.

Damián Mo subliñaba a importancia da participación de todos os veciños e veciñas “para amosarlle aos grupos políticos que a veciñanza non está de acordo coa apertura deste establecemento”. Estamos a dicir ben claro, dixo, “que non queremos casas de apostas en Redondela”.

Berto Covelo salientaba a labor que está a facer a Coordinadora “porque as concentracións e a información que estamos a dar está dando lugar a un debate”, esas mesmas concentracións, sinala Covelo “sirven para desnormalizar esa lacra”. O xogo e a ludopatía, afirmaba, “é a nova heroína coa que lles toca loitar aos nosos fillos” de ahí que recalcase a necesidade de que a cidadanía se manifeste este sábado “porque é un problema que afecta a unha parte da poboación de Redondela que son os nosos fillos e fillas en idades temperás e na adolescencia”.

Os datos, sinalaban os representantes da Coordinadora, son “máis que alarmantes” e amosan que estamos ante perigo real xa que “en tan só catro anos, os casos de ludopatía incrementáronse nun 300 %”.

Para Berto Covelo, o perigo é o intento que se está a facer “por normalizar” esta situación e citaba “os constantes anuncios na televisión, equipos de fútbol que nas camisetas levan publicidade de casas de apostas, futbolistas e famosos que anuncian as apostas deportivas…”. Por iso mesmo, non entende a cidadanía que prohibírase a publicidade do tabaco e do alcohol ” e porén con isto non se fai o mesmo a pesar de que está demostrado que é unha enfermidade e, en lugar de buscar medios para erradicala, estase intentando a súa normalización”.

Damián Mo era claro ao dicir que “é un negocio ao que non lle miro nada positivo para a cidadanía. Calquera negocio ofrece un servizo a poboación pero, este negocio, o único que fai é que a mocidade engánchese á ludopatia”.

A ollada política tamén tiña o seu espazo na rolda de prensa e apuntábase directamente á Xunta de Galicia “que daba unha autorización para este local e non só daba esa autorización, senón que a reforzaba cun informe favorable á apertura dunha casa de apostas na ubicación en que se pensa abrir” aseguraba Berto Covelo e engadía que “ese mesmo partido que goberna na Xunta e alí da autorización, apoianos aquí cousa da que nos congratulamos”.

No encontro coa prensa, púxose sobre a mesa tamén a “incongruencia” do permiso de apertura. A Xunta concede un permiso no mes de abril –explica Berto Covelo– “cando un mes depois, en maio, iníciase o borrador para cambiar a Lei e, con ese borrador na man, esa casa de apostas non podería estar aí”. “Estamos a falar da historia dunha contradicción”, afirmou.

Éntre as medidas máis inmediatas, amais da manifestación do vindeiro sábado, está a de presentar alegacións “unha vez que se inicie o período de exposición pública posto en marcha polo Concello”. A Coordinadora ten un grupo de traballo “para explicarlle á xente a realidade da situación, orientala á presentación de alegacións a maiores das que presentaremos nós”. “Imos facer presión aínda que chegue a abrirse. Non a queremos, nin aí, nin en ningún outro lado, pero aí seguro que non”.

Se a sociedade en xeral está inquieta coa apertura deste local de apostas, –as máis 3.000 firmas recollidas ata o momento contra a súa apertura son boa mostra diso– non é menos o malestar da comunidade educativa que se reflicte no feito de que, “absolutamente todas as ANPAS de Redondela están involucardas na Coordinadora”, asguraba Ana María González.

O certo é que a cidadanía de Redondela está a decir non á casa de apostas, local de xogo, ou como se lle queira chamar. A mobilización do sábado é un principio xa que se algo quedou claro na rolda de prensa desta mañá, é que a Coordinadora non parará ata conseguir os seus fins. “Non imos deixar sos aos nosos mozos e mozas ante este problema”, aseguraban.

É evidente que sós non estarán porque, como sinalaban, están a recibir apoios de colectivos e particulares doutros concellos conscientes de que, o problema que hoxe vive Redondela e que ameaza seriamente ao sector máis novo da poboación, maña afectaralles a eles nos seus municipios. Se as administracións que teñen competencia nesta materia non adoitan medidas urxentes, so será cuestión de tempo.