O Goberno local mirouse na obriga de convocar unha nova Mesa de Contratación logo da renuncia da empresa que tiñan que realizar os traballos.
O pasado martes 13 o Concello de Redondela comezou cos traballos de limpeza e roza das cunetas e camiños, nas parroquias de Saxamonde, Quintela e Reboreda, mentres que onte luns 19, a empresa encargada do Lote 2 comezou o desbroce nas parroquias de Ventosela, Cesantes e O Viso. Progresivamente ao longo da semana estánse a iniciar os traballos no resto das parroquias do municipio.
O expediente de contratación cun custe total de 115.500 euros dividiuse en 4 lotes e tramitouse polo procedemento aberto simplificado.
O expediente de contratación foi iniciado polo goberno saínte, o día 5 de maio de 2019 –19 días antes das eleccións– e estivo marcado pola renuncia de varias empresas licitadoras, o que atrasou todo o proceso.
A situación provocada por dita renuncia fixo que o actual goberno vísese na necesidade de celebrar unha nova Mesa de Contratación, cos conseguintes prazos e o atraso que iso supuxo nuns traballos de rozado e limpeza que terían que estar licitados con antelación “e non esperar ata o mes de maio para iniciar os trámites”, sinalan dende o executivo que preside Digna Rivas.
O Goberno local subliña que a tramitación debería ter comezado “no mes de marzo para que, unha vez realizados todos os pasos legais precisos, se puidera comezar cos traballos a finais de abril”
Cómpre salientar que na mesa celebrada polo goberno do PP, este acordou requirir a empresa elixida para que presentara xustificación da oferta económica presentada por “atoparse incursa en presunción de temeridade”.
O expediente de contratación cun custe total de 115.500 euros dividiuse en 4 lotes e tramitouse polo procedemento aberto simplificado e o actual Goberno local, unha vez que se coñeceu a renuncia da empresa encargada de realizar os traballos dos lotes 1, 2 e 4 “requiriu á seguinte empresa clasificada para que presentase a documentación no prazo de 7 días hábiles”.
Unha vez emitidos os correspondentes informes económicos, o día 30 de xullo proponse pola Alcaldía a adxudicación do contrato para os 4 lotes do servizo de limpeza e roza de cunetas e camiños.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada o dia 7 de agosto de 2019 apróbase por unanimidade a proposta da Alcaldía , establecendo un prazo de 3 días ás empresas , unha vez recibida a notificación, para formalizar o contrato.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, avanzou a intención do seu Goberno de que as rozas e limpeza de viais municipais, “desenvólvase dúas veces ao ano, en lugar dunha única actuación como acontecía ata o de agora, de xeito que as veciñas e veciños poidan contar cuns camiños en mellores condicións”