11.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela aposta pola celebración dunha Festa da Coca “distinta e participativa” ante...

    Redondela aposta pola celebración dunha Festa da Coca “distinta e participativa” ante as restricións pola COVID-19

    A Festa da Coca, unha das celebracións de máis sona do municipio de Redondela e un dos seus “símbolos de identidade”, estará marcada nesta edición do 2020, polas restricións impostas pola pandemia da COVID-19, situación que non impedirá que o municipio viva esta celebración “dun xeito diferente e, ao mesmo tempo, máis participativo”, sinala o Goberno redondelán.

    Co obxecto de analizar o novo panorama provocado pola crise sanitaria, onte luns, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, e a concelleira de Eventos, Marta Alonso, mantiveron unha xuntanza telemática con representantes dos colectivos que fan posible a Festa da Coca: as ‘burras’, danza das espadas e alfombristas, amais do cura párroco de Redondela.

    A primeira conclusión extraída da reunión é a imposibilidade de celebrar a Coca como se viña facendo tradicionalmente polo que, neste 2020, non haberá procesións, nin confección de alfombras, dado que “constitúen actividades multitudinarias non permitidas pola actual situación sanitaria e que, en todo caso, serían un risco evidente para a saúde”.

    Concello e asociacións coinciden, porén, en buscar alternativas que permitan a celebración desta festa, “símbolo de Redondela”. Trátase, sinala Digna Rivas, “de reinventarse fronte a adversidade, e buscar novas vías que permitan manter unha das tradicións seculares do noso municipio”.

    Marta Alonso e Daniel Boullosa, adiantaron que, en colaboración coas ‘burras’, danza das espadas e alfombristas, estase a confeccionar un vídeo “no que se recolle, polo miúdo, todo o conxunto de actividades que forman parte da Festa da Coca e que a fan única”.

    Do mesmo xeito, animarase á veciñanza a confeccionar, nos seus domicilios, alfombras florais para difundilas polas redes sociais “conseguindo unha Festa da Coca diferente, pero ao mesmo tempo, participativa como corresponde a unha celebración que é patrimonio de todos e todas”, apunta a alcaldesa de Redondela.

    Doutra banda, o Concello tamén poñerá en marcha “iniciativas sorpresa” de cara a darlle unha maior difusión a unha festa na que, adianta o Goberno local, “non lle faltará a música, porque a Banda si poderá facer os seus tradicionais pasarrúas mantendo as medidas de seguridade que impón a actual situación sanitaria”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.