9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaRedondela apoia á expansión da auga e da luz no municipio mozambicano...

    Redondela apoia á expansión da auga e da luz no municipio mozambicano de Nhamatanda

    O Concello redondelán, como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, participa nun proxecto de cooperación internacional de reconstrución dos servizos públicos afectados polo ciclón Idai

    O Concello de Redondela, xunto coas deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, participa activamente nun proxecto de cooperación internacional co obxectivo de reconstruír e espallar os servizos públicos do municipio de Nhamatanda, Mozambique, afectados polo ciclón Idai que deixou máis de 600 persoas falecidas no país africano e acabou tamén con boa parte das xa febles infraestruturas municipais

    A través deste proxecto de cooperación internacional, construíuse un sistema de subministro de auga consistente nun depósito de 1000 litros, con bomba integrada a base de paneis solares e unha fonte con catro billas na que a poboación pode abastecerse. O servizo, que se xestionará de xeito comunitario, non só beneficiará ao barrio onde foi situado, senón tamén aos dous adxacentes. Mulleres e nenas, que adoitan percorrer longas distancias cargadas cos baldes para conseguir auga potable, tan necesaria no combate contra o coronavirus e outras enfermidades presentes na zona, serán as que dun xeito máis especial, lle van tirar rendemento a esta infraestrutura.

    Nhamatanda conta cunha poboación de 63 000 habitantes distribuída en doce barrios e a actuación impulsada polo Fondo Galego permitiu restaurar e espallar a rede eléctrica a sete deles, de xeito que se agarda reactivar sectores como o económico ou o educativo, pois nas escolas poderá haber quendas nocturnas e favorecerase o desenvolvemento dos negocios locais. Ademais, os farois instalados nas rúas mellorarán a seguridade da cidadanía, especialmente das mulleres.

    A asociación de concellos e deputacións galega destinou 42 600 euros a reparar e ampliar estas redes públicas, nunha zona que aínda está en proceso de reconstrución tras resultar gravemente afectada polo paso do ciclón Idai en 2019. A intervención contou asemade co respaldo da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), así como das axencias estatais de auga e enerxía.

    Redondela fixo gala sempre de ser un municipio solidario e capaz de axudar, nos momentos complicados, aos que máis o necesitan”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas e lembrou que os proxectos nos que o municipio colabora a través do Fondo Galego “contribúen a erradicar a pobreza e as desigualdades no Sur Global” e ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que marca a Axenda 2030 “especialmente os ODS 6 “que avogan por garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas” e do ODS 7, que aposta por “garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sustentable e moderna para toda a poboación”.

    O Fondo Galego

    O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.