Luns, 13 Xaneiro de 2025

Redondela acolle a primeira charla da iniciativa da Deputación «Tempo de Saúde»

A segunda edición deste ciclo de conferencias, froito da colaboración entre Deputación e Colexio Oficial de Médicos, achegará distintos temas de saúde á xuventude e ás persoas maiores

A Deputación de Pontevedra retoma o programa de conferencias «Tempo de Saúde» que comezará mañá, 1 de outubro, cunha charla no concello de Redondela á que asistirá a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros. Esta primeira cita terá lugar ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira e versará sobre os «Trastornos obsesivos e ansiedade». A charla está dirixida a persoas da terceira idade, pacientes, persoas coidadoras e usuarios das entidades de iniciativa social.

«Tempo de saúde» é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude, que chega á provincia de Pontevedra da man da institución provincial e do Colexio Oficial de Médicos. Desenvolverase ata o 30 de decembro en 22 concellos da provincia e nela trataranse distintos temas. As actividades serán impartidas por profesionais da medicina especialistas nas materias das que traten.

En Redondela, o doutor Raúl Vázquez-Noguerol Méndez explicaralles aos e ás maiores que asistan diversas cuestións relativas aos trastornos depresivos e á ansiedade. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de «Tempo de Saúde» aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan.

Vázquez-Noguerol Méndez, é licenciado en Medicina e Cirurxía, doutor en Medicina, máster en Xerontoloxía Social aplicada e especialista universitario en Psiquiatría Forense entre outros estudos superiores. O doutor, que conta cunha ampla experiencia profesional, combina o seu oficio, con publicacións, proxectos de investigación e coa docencia universitaria.

Ao igual que en Redondela, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á terceira idade, centradas sobre todo nos trastornos depresivos e ansiedade e no alzhéimer e enfermidades neurodexenerativas. En canto á poboación máis nova, as conferencias centraranse nas enfermidades de transmisión sexual e na nutrición e a saúde.