Venres, 24 Xaneiro de 2025

O rock de ‘Desertores’ e as letras de Xela Arias protagonistas do concerto que o grupo vigués ofrecerá no Multiúsos de Chapela

O grupo vigués de rock Desertores, ofrecerá un concerto mañá venres, 5 de novembro, no Multiúsos O Piñeiral do Crego de Chapela, no que presentarán o libro-disco Cancións, que recolle as letras que para os primeiros temas do grupo, escribiu Xela Arias.

A editora Xerais acaba de publicar este libro-disco, en edición bilingüe, coincidindo co 18 aniversario do pasamento da autora e o concerto do Piñeiral do Crego, será a súa presentación oficial.

Cómpre destacar que Desertores tiveron unha boa relación persoal con Xela Arias, de aí o feito de que a escritora a quen este ano dedicouse o Día das Letras Galegas, lles escribira as letras das súas primeiras cancións.

Este venres o público asistente poderá gozar deses temas, que veñen de ser gravados de novo en estudo, incorporando máis instrumentación. A entrada é de balde pero é preciso recoller invitación, que xa está dispoñible na Biblioteca Xela Arias e mais nos Multiúsos de Chapela e de Redondela.

O concerto forma parte das actividades coas que as bibliotecas municipais de Redondela homenaxean á escritora, editora e tradutora Xela Arias, no ano en que se lle adica o Día das Letras Galegas, un traballo que, ademáis, lles fixo merecedoras do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia.