Co título ‘O mar no o merece’ a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela que xestiona Roberto Villar colocou, o pasado 2 de decembro na contorna da Casa do Concello, unha exposición do material retirado meses atrás en Chapela nos areais de Arealonga e Penedos por voluntariado, veciñanza e persoal municipal.
En principio o destino destes materiais era unha planta xestora para os entullos e reciclaxe no caso do vidro. Visto que as cantidades que se retiraban eran moi abundantes e o logro colectivo que supuña lavar as pezas unha a unha evitando levarse area, a Concellería decidiu gardar parte do retirado para que a cidadanía observe o que hai nese gran ecosistema que forma a ría de Vigo en parte degradado por unha actividade humana sen control.
A exposición tiña tamén obxectivo de que veciñanza, voluntariado e persoal do Concello que participou nestas tarefas, puideran ver exposto o resultado do seu esforzo nesta campaña de concienciación do medio ambiental.
Búscase, por parte da Concellería, marcar un rumbo na recuperación de espazos medio ambientais degradados a través de accións compartidas entre cidadanía e a Administración local e, poder realizar futuras campañas nos espazos naturais do municipio.
Tal e como se fai constar nos textos explicativos da mostra, os materiais “feitos pola man do ser humano foron retirados do mar onde non nacen, nin medran, nin tampouco se reproducen”.
O mesmo texto explica que nestas xornadas “chegáronse a retirar arredor de cinco sacos de obra dun metro cúbico cada un de entullos, e sobre catro capachos de vidro cun peso aproximado de máis 30 kg cada un”.
Deixaxe claro tamén que, nesta mostra pioneira, “tan só hai unha parte do retirado, porque non está orientada para amosar cantidades” e por iso explica que “esta exposición oriéntase para que vostede observe o que sae do mar e, por desgraza, non son peixes nin marisco. Son restos de actividades do ser humano que non respectaron o máis mínimo o medio ambiente”.
A exposición colocouse sen publicidade previa para observar as reaccións e a curiosidade da veciñanza que pasa a diario polas contornas do Concello. Despois dunha semana exposta ao púbico “o resultado foi moi satisfactorio, pois moitas persoas son as que se paran a diario na exposición e ademais de que xa a visitaron dous grupos de mestras con escolares de colexios de primaria de Redondela”, sinala a Concellería de Medio Ambiente.