Luns, 9 Decembro de 2024

O Goberno redondelán asegura que o PP “exercita unha oposición baseada na falsidade”

A Concellería de Transparencia lémbralle aos populares que "na web do Concello están publicados todos os salarios do Goberno municipal"

O Goberno local de Redondela acusou hoxe ao PP de “estar realizando unha oposición baseada na mentira ao realizar manifestacións públicas que son totalmente falsas”. Os populares denunciaran no Pleno que os salarios do Goberno local non estaban publicados no ‘Portal de Transparencia’ cando o certo é que están publicados na web municipal (http://redondela.gal/gl/retribucions).

Curiosamente, sinala a concelleira de Transparencia, Susana Couñago, o Portal de Transparencia “está aloxado na páxina web do Concello pero é xestionado por unha empresa privada externa contratada polo PP en marzo do 2019”.

Para o executivo local redondelán esta forma de facer oposición “non só afecta ao Concello como institución (Goberno e persoal), “pola perda de tempo en desmentir falsidades, senón a toda a veciñanza do Concello que lle poden dar credibilidade a estas novas por vir dun partido que se presupón ‘informado ou con coñecemento de causa’ nestes ámbitos, cando non se axustan á realidade”.

Para a Concellería de Transparencia “é unha prioridade” que todo o relativo á transparencia municipal sexa publicado na páxina web ou a través dun portal municipal “e non a través de un portal propiedade dunha empresa privada”, polo que lle resulta sorprendente “que polo partido da oposición se siga insistindo nunha cuestión, como é a falta de publicidade, que non se axusta á realidade”.

Volve a mentir o PP cando manifesta que “as redes sociais do Concello de Redondela son xestionadas polos responsables políticos”, cando o certo é que na actualidade “as diversas redes sociais das que dispón o Concello de Redondela son xestionadas polo persoal que traballa no Concello de Redondela”.

Finalmente, Susana Couñago incide nas denuncias populares sobre o “atraso no acceso á información”, un tema no que segundo a concelleira redondelá o PP “volve a faltar a verdade porque toda a información ou acceso aos expedientes solicitados polos grupos da oposición son accesibles dentro do prazo establecido legalmente”.

Para a concelleira de Transparencia, a liña de actuación do PP amosa o comportamento “dunha oposición que minte nas súas manifestacións” e asegura que a veciñanza de Redondela “merece mais rigor e seriedade nas manifestacións realizadas por dito partido político”.