Xoves, 27 Marzo de 2025

O Goberno de Redondela presentará á veciñanza de Chapela e Trasmañó o proxecto de reposicións de viais publicado xa no BOE

O executivo que preside Digna rivas asegura que o proxecto, cun investimento de 3 millóns de euros, “da resposta a unha débeda pendente da aplicación da AP-9”

O Concello de Redondela manterá, o sábado 1 de agosto ás 12 horas no multiúsos de Chapela, unha xuntanza coa veciñanza de Chapela e Trasmañó na que se dará conta, polo miúdo, do proxecto de reposición de viais publicado no BOE, que contará cun investimento de 3 millóns de euros e que da resposta ás reclamacións que a veciñanza de ámbalas dúas parroquias –as máis afectadas pola ampliación da AP-9– viñan facendo dende hai anos.

Na reunión, afectadas e afectados recibirán explicacións detalladas do proxecto por parte dunha enxeñeira contratada polo concello e dos propios servizos técnicos municipais que, amais, asesorarán ás persoas interesadas sobre os pasos a seguir á hora de presentar alegacións ao proxecto durante o período de exposición pública do mesmo.

O proxecto foi presentado tamén ás asociacións veciñais das dúas parroquias e á Plataforma de Afectados pola AP-9 pero, asegura o Goberno local “é preciso que todas e todos o coñezan con detalle e poidan presentar, se é o caso, ás alegacións ás que teñen dereito”. A alcaldesa de Redondela lembrou que “este Goberno ten na transparencia da súa xestión, un dos seus principais piares e as veciñas e veciños teñen dereito a coñecer, con detalle, todos aqueles proxectos ou iniciativas que, como neste caso, lles afectan directamente”.

A rexedora local subliñou que a publicación no BOE e a conseguinte reunión coa veciñanza “estaba prevista para hai un par de meses pero, como en todo, a actual pandemia da COVID-19, por motivos obvios, fixo necesario un reaxuste dos prazos”.

Compre salientar que para axilizar os trámites e que esta publicación no BOE puidera ser unha realidade, a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, viaxaron a Madrid no pasado mes de febreiro para manter reunións con responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana poñendo sobre a mesa a necesidade “de dar unha solución urxente a un problema que afectaba aos veciños e veciñas e a propia estruturación territorial de ámbalas dúas parroquias”. Coa publicación no BOE, sinala a rexedora local, “dáse resposta a unha débeda pendente da aplicación da AP-9”.

Digna Rivas lamentou que o anterior Goberno estivera, como en outras moitas cousas, “enganando á veciñanza durante moito tempo” como queda ben demostrado en distintas afirmacións realizadas na prensa no 2017 nas que falaba da inmediatez do inicio dos traballos, cando o certo é que, á chegada do actual Goberno “non había ningún trámite realizado sobre as reposicións da AP-9 pese a que en Madrid gobernaba o seu partido, o que amosa unha clara falta de vontade política para solucionar o problema”.

“Para dar solucións aos problemas aos que se enfrontan as veciñas e veciños, graves problemas como neste caso, só pe preciso ter vontade política de resolvelos e ter claras as prioridades”, afirmou Rivas quen asegurou que no caso do Goberno que preside “non hai máis prioridade que o benestar da cidadanía” e conclúe sinalando que “en un ano de Goberno, con unha situación de pandemia que paralizou todas as xestións, fomos quen de soluciona un problema que o anterior Goberno foi incapaz, en máis de dous anos, de sacar dun estado de parálise”.