O Pasado venres, o Consello de Administración do Porto de Vigo aprobaba, por maioría, aínda que cos votos en contra dos Concellos de Redondela e Vigo, Zona Franca e CC.OO., o seu Plan de empresa para 2020.
Segundo explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o voto en contra está máis que xustificado xa que, “como representante do Concello de Redondela a miña postura non podía ser outra que opoñerme a un plan de empresa que contempla, entre outros investimentos, as obras de recheo no peirao de comercio e en Bouzas e a compra duns terreos anexos ao dominio portuario do esteleiro de Vulcano”.
Con esta postura, o Concello redondelán busca que a Autoridade Portuaria “desista da súa intención de acometer recheos nas zonas de Bouzas e o Areal e que deteña atentados como os que se están a levar a cabo no Berbés, así como en Rande”.
Lembra a alcaldesa que o Concello de Redondela aprobou no Pleno do pasado xoves 19, o seu posicionamento en contra dos recheos da ría. Digna Rivas defende que o futuro da ría de Vigo debe pasar por un “desenvolvemento sostible” e denuncia que os recheos anunciados para ampliar as termináis portuarias “carecen de xustificación”.
Redondela, lembra a alcaldesa, avoga por un desenvolvemento do Porto “conciliado” e con “respecto ao medio natural”, permitindo unha explotación dos recursos naturais de forma racional e sostible. Lamentamos que as actuacións que pretende realizar a Autoridade Portuaria de Vigo “non amosen respecto nin interese pola protección da Ría”.