O vindeiro 8 de maio a Alameda Castelao acollerá a cuarta edición da actividade «Lectura na rúa», unha iniciativa que xurdiu en maio de 2017 a iniciativa do CEP Plurilingüe Santa Mariña. O obxectivo deste evento é fomentar a lectura “compartindo a maxia dos libros e da música, nunha contorna atractiva e diferente, rodeados de toda a comunidade educativa, así como da veciñanza do municipio”.
Nas primeiras edicións formaron parte desta festa da lectura, ademais do CEP Plurilingüe Santa Mariña, os seus centros de referencia: EEI A Marisma e IES Illa de San Simón. Ao resultar a experiencia tan positiva, tomouse a decisión de estendela a outras bibliotecas escolares de Redondela, co apoio e financiamento do Concello de Redondela e a colaboración da Biblioteca Municipal e a ANPA Ernestina Otero.
Este curso escolar celebrarase a IV edición de «Lectura na rúa» o 8 de maio organizado polo CEP Santa Mariña xunto co Concello de Redondela, e coa colaboración da Biblioteca Municipal e a ANPA Ernestina Otero. Neste acto participarán todos os centros educativos de Educación Infantil, Primaria e IES de Redondela, ademais de 5 centros de día do concello, sumando preto dun millar de persoas, que se xuntarán na Alameda Castelao de Redondela para gozar dunha mañá de lectura e cultura en compañía.
O evento, que se estenderá dende as 10:30 h ata as 13:00 horas, contará cun intercambio de marcadores de libros, lectura compartida, desfile de contos, cancións, bailes e a actuación de “Barafunda”.
O concelleiro de Ensino, Iván Valles, confía en que a iniciativa sexa “un éxito” como en edicións anteriores, e agradece ao CEP Santa Mariña e o resto de centros a súa implicación. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que desde o Concello “estaremos sempre apoiando iniciativas como esta, na que a cidadanía, tanto a infancia como os maiores, son protagonistas”.