Unha estudante do IES Pedro Floriani de Redondela farta de que todos os anos se repita o problema da falta de autobús escolar e falta de transporte público para os estudantes de estudos non obrigatorios, presentou ante a Valedora do Pobo unha queixa pola situación, queixa admitida a trámite ao entender a valedora “que reúne todos os requisitos formais recollidos no artigo 18 da lei do valedor do Pobo, e en consecuencia que atopa cobertura constitucional derivada do artigo 103.1 da Constitución, facendo referencia a que as institucións públicas deben garantir este dereito”.
A rapaza mostra no escrito o desacougo ante a situación que se repite ano tras ano e que incluso leva a que compañeiros e compañeiras teñan que marchar a outros centros de outros concellos ao non ter sitio no transporte escolar, nin ter alternativas de transporte público para acudir aos Institutos, que se atopan todos eles no centro de Redondela e Chapela.
A estudante trasládalle a valedora como as familias tentan buscar solucións, aínda que non sexan gratuítas, pero que non conseguen que as administracións aporten solucións. Fala tamén da odisea de moitos rapaces e rapazas para poder chegar a clase, como teñen que madrugar e facer largas esperas ata o comezo das clases.
A Federación de Anpas de Redondela vén poñendo enriba da mesa un problema que consideran “primordial e que debe resolverse de maneira urxente para que os nenos e nenas de Redondela poidan estudar no seu concello e non se vexan abocados a ter que marchar e abandonar aos seus compañeiros e compañeiras”.
Lembra a Federación que Redondela é o cuarto concello da Provincia, na área metropolitana da maior cidade de Galicia pero sen transporte. O alumnado de estudos non obrigatorios de Redondela non dispón de transporte escolar pero tampouco dispón de transporte público.
“Nestes últimos –sinala a Federación de ANPAS–anos trasladóusenos o compromiso de resolver o problema para que a nosa rapazada poida seguir estudando en Redondela pero a día de hoxe o problema continúa”.
A Federación insta ás diferentes administracións que resolvan o problema de mobilidade no concello, pero de maneira urxente atendan a demanda das familias “xa que en xogo está o futuro de estes rapaces e rapazas, pero tamén está en xogo o futuro de Redondela”, aseguran.