A concentración organizada pola Coordinadora contra a apertura da Casa de Apostas, ás portas do local onde se pretende ubicar e a escasos metros da zona escolar da Marisma, foi valorada positivamente dende o Bloque Nacionalista Galego. “Consideran que a presión veciñal, vai ter un papel decisivo para frear as pretensións da empresa”. Os nacionalistas responsabilizan directamente ao goberno de Feijóo, de crear unha lexislación “á carta” para que estas empresas e as súas nocivas repercusións, campen ás súas anchas por toda Galiza, e agora pretendan establecerse en Redondela”.
De feito, o BNG redondelán lembra que a Dirección Xeral de Emerxencias xa emitiu unha resolución no mes de abril autorizando a actividade e anuncian que van a levar “a problemática ao Parlamento Galego”.
Demandan dende a organización nacionalista maior presenza tanto de membros de AER, como do PSOE, nas diversas iniciativas de carácter veciñal. “Suponse que quen se outorgou a única representatividade do pobo de Redondela, debera ter maior protagonismo salvo que se queiran manter á marxe do problema”.
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González recorda como o goberno de Javier Bas, xa era coñecedor da solicitude da empresa dende abril, “e no canto de mobilizar á veciñanza deulle os parabéns a esta Casa de Apostas. Mesmo pretendía fomentar a clientela do local, facilitando a apertura, a escasos metros, do seu anunciado barrio da cultura na Marisma”, afirma.
Cualifica de “cínica” a actitude do anterior goberno, que “se autopromocionaba coa adhesión de Redondela como Cidade Amiga da Infancia, permitindo que se desenvolvera a actividade a escasos metros dunha zoa onde se ubican ata sete centros escolares e unha zona deportiva”.
O propio edil do BNG, demanda prudencia nas declaracións e convocatorias de xuntanzas coas diversas ANPAs do goberno municipal, “non están axudando a que se manteña a presión veciñal, mesmo poden ser desmobilizadoras”.
Considera que se ben o Concello pode ter a súa capacidade limitada, existen liñas de traballo para evitar a apertura da Casa de Apostas, “como unha interpretación do que se considera como accesos a menos de 150 metros, e a necesidade de exposición pública do proxecto”.